TRIBUNA / Camilo Nogueira
30 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.As recentes propostas sobre o futuro da Unión Europea realizadas polo chanceler alemán Gerard Schröder e o primeiro ministro francés Lionel Jospin, indican que están a frutificar movimentos decisivos en prol da Europa política, despois de anos de os Estados viraren a cabeza para non ver unha aspiración presente na sociedade. Prodúcese isto despois de que a Conferencia Interguvernamental de Niza constituira un acto fallido, sendo percibida pola sociedade europea como un acontecimento onde todos fracasaron. Os propios xefes de Estado e de Governo tiveron que comprobar que a sua incapacidade para lograr os acordos políticos necesarios, urxidos amais polo alargamento ao Leste, estaba a criar un abismo de desconfianza entre eles e os cidadáns europeus. As posicións de Schröder e de Jospin teñen en común o feito de propugnaren a ampliación da capacidade do Parlamento e o fortalecimento da Comisión e diverxen, substancialmente, no papel do Consello Europeu, que hoxe reune aos Governos dos Estados e constitue o máximo poder executivo e lexislativo da Unión. Schröder quere transformar o Consello nunha segunda Cámara parlamentaria, mentres que Jospin quere conservalo e darlle un carácter máis executivo. Os dous queren potenciar as competencias do actual Parlamento Europeu e o primeiro ministro francés acaba de propór que o presidente da Comisión sexa elexido pola maioría da Cámara. As súas propostas non deixan de ter contradicións que responden aos intereses dos dous Estados. O alemán procura unha Federación Europea, unha Unión, polo tanto, menos dependente dos Estados, mais ao mesmo tempo quere potencialos reestatalizando parte das competencias agrarias e de Fundos Estruturais. O francés, apesar de defender apenas unha Federación de Estados, quere establecer un Governo económico europeu e preservar as competencias xa adquiridas neste campo pola Comunidade. O primeiro ministro francés contempla unha Europa na que o seu Estado vexa confirmado o seu carácter uniformizado e xacobino, mais non procura a redución das competencias económicas comunitarias, mentres que o chanceler alemán pensa nunha Europa onde os Estados federados alemáns podan estar presentes coas suas competencias políticas e lexislativas, procurando amais reducir participación xermana nos ingresos do orzamento europeu. O primeiro privilexia a integración da política económica e o segundo o desenvolvimento das institucións políticas comúns. O cruzamento das duas posicións non permite unha calificación simple do seu significado estatréxico. Resulta, neste sentido, apresurado, colocar a Schoëder no campo do europeismo e a Jospin no bando contrario. Na realidade, ambos están condicionados pola historia, pola ideoloxía e pola realidade dos intereses dos seus Estados. Debe ser salientado en tudo caso que, apesar de responderen ao carácter de cadanseu Estado, as duas propostas teñen en común a idea determinante dunha Constitución da Unión Europea, adoptando un proxecto que até ben pouco era privativo dunha minoria dentro e fora do Parlamento Europeu, e que no Estado español era manifestado nomeadamente polos nacionalismos cívicos de Galiza, Cataluña e Euskadi, ultimamente a través da Declaración de Barcelona. Non nos sorprende neste sentido que, mais unha vez, cando en Europa se toman posicións que van condicionar decisivamente o noso futuro, o primeiro ministro do Governo español, José María Aznar, teña gardado un silencio clamoroso, carente de todo proxecto europeu que transcenda as fronteiras dos intereses de Madrid.e obsesionado por unha ríxida acción destinada a negar a diversidade nacional do Estado que comezara a ser recoñecida institucionalmente na Constitución de 1978.