Á MARXE / Carlos Casares
30 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O outro día asistín a unha conferencia onde escoitei un disparate divertido. O conferenciante dixo que, co paso dos anos, as señoras se volvían cada vez máis feas e os señores cada vez máis guapos. Eu comenteille ó saír que unha das mulleres máis fermosas que coñecín na miña vida, unha rusa de ollos verdes e rostro relocente, aínda que con arrugas, pasaba dos setenta e cinco anos. Era preciosa, capaz de provocar aceleróns e derrapes nun corazón de pouco máis de trinta anos. Respondeume que non falaba de morbos. Durante a cea que seguíu, ese foi o tema de conversación. Circularon opinións diversas e contradictorias, pero non había ningunha muller presente. A máis pintoresca de todas as afirmacións foi a dun amigo meu que dixo que el tiña un can e unha cadela na casa, a femia dez anos máis vella que o macho, e que este vivía en castidade absoluta, totalmente alleo ós arrumacos e ás festas que lle facía a casquivana en época de celo. Eu citei o caso de Ninon de Lenclos, aquel pedazo de muller que estragou o corazón de catro xeneracións seguidas da mesma familia: avó, pai, fillo e neto. A este último, ademais, sucedeulle unha pequena marabilla. Enamorado cando ela estaba a punto de chegar a octoxenaria, a señora díxolle que si, pero que esperara tres meses. Pasado ese tempo e satisfeita a promesa, reveloulle un secreto ó xoven amante: quería ter o prurito de amar a un rapaz novo despois de cumprir os oitenta anos. Con todo, o que chama a atención de Ninon de Lenclos non é a súa condición feminina, senón a súa profunda intelixencia. Por eso era tan bonita.