O OUTRO CEO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

29 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Estiven escoitando unha tertulia na que se falaba dese arcebispo católico que casou o outro día polo rito dunha secta americana. Fixéronse moitas bromas a costa do home, que foron desde chistes sobre o seu nome (chámase Milingo), ata a súa cara, que un dos contertulios calificou como de batracio. Tampouco aforraron gracias sobre a súa muller, unha coreana da que dixeron que tiña aspecto de panocha, que miraba con ollos de lagarta e que parecía saída da cociña dun restaurante de mala morte, nun barrio de Nova York. O curioso da tertulia foi que, minutos antes, os seus compoñentes estiveron falando do respecto que se lles debe ás persoas, todo porque un deles afirmou con lixeireza que o presidente do clube de fútbol Barcelona tiña aspecto de calavera, no sentido de cadáver ou de fúnebre, non de golfo. Chamoume a atención que ninguén empregara os mesmos argumentos á hora de referirse ó arcebispo, do que tamén dixeron que era un insensato. Insensato, pode que sexa, non tanto por casar desa maneira que casou, senón por outras cousas que fixo antes, segundo contaron na radio. Polo visto, dedicouse á bruxería, á canción moderna, á pintura e non sei a cantas actividades máis. Para min que debe pertencer ó xénero do que eu chamo os toliños, xentes algo dadas ó disparate, pero sen mala fe. Vin as fotos do señor na cerimonia do casorio e pareceume unha persoa feliz, allea á loucura colectiva que se desatou arredor da súa conducta, como se estivese comendo un xelado de chocolate. Hai un ceo para estas xentes, aínda que estean excomulgados. Nel só dan caramelos.