MANUEL ESPIÑA OUTEIRO DE SAN XUSTO
26 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Con motivo das celebracións do centenario de seu nacemento, o ano pasado foi creada en Santiago a Cátedra Cardeal Quiroga Palacios. No Decreto de creación, o arcebispo Julián Barrio, con data do primeiro de marzo, festa do tamén arcebispo compostelán san Rosendo, afirma: «A súa fonda humanidade, o seu talante apostólico e sacerdotal, as súas tarefas e afáns pastorais, o seu dilatado labor ó fronte da arquidiócese, así como a súa dimensión de home de Igrexa en España e máis alá das súas fronteiras, fan do cardeal Quiroga a personalidade máis relevante da Igrexa galega no século XX». Nos estatutos desta cátedra aparece como fundación autónoma, da que é presidente o arcebispo, e queda incardinada no Instituto Teolóxico Compostelán, sendo o seu director o mesmo do referido Instituto. Entre os seus obxectivos, recollidos no artigo segundo, sinálase incluso a economía e a cultura de Galicia. E por iso eu, convencido da xustiza e necesidade desta cátedra, fixen axiña unha modesta aportación económica e conseguinlle unha axuda de certa fundación coruñesa. Pero, xa entón dixen que era coa esperanza de que se atendesen aqueles obxectivos que hoxe máis lle interesarían ó bo pastor don Fernando. Non sei o que fixo neste primeiro ano da súa existencia. Terei que chamar ó seu secretario, o querido coengo e catedrático o doutor Xosé Fernández Lago. Mais, hoxe quero recordarlles que un tema da maior actualidade teolóxica e socio-pastoral é o problema da necesaria división da arquidiócese e ata unha nova demarcación de tódalas dióceses de Galicia. Este problema xa estaría resolto se o cardeal Quiroga vivise uns anos máis.