LOITAS DE CÁNTABROS E ASTURES

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO Ó DÍA

23 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Ouvinlles falar moitas veces a Vicente Risco e a Cuevillas das relacións que mantiveron co profesor Schulten. Compartiu este, algunha vez, a tertulia dos homes ourensáns da Xeración Nós. Tal simple feito empurroume a mercar nunha librería de vello, un volume do investigador alemán titulado Los cántabros y los astures y su guerra con Roma. Aínda que traballos deste tipo non son frecuentes nas miñas lecturas, lin o libro con curiosidade. Detalla e analiza o autor, a xeografía, os límites de Cantabria e Asturias. Do nervión ó Sella a primeira, e do Sella ó Navia a segunda, penetraban terra adentro deica as terras xa castelás de Amaia. Quizais tamén polas altas parameiras burgalesas ata Briviesca, seguían polo oeste a Guardo. Afastábanse alí as dúas rexións, con linde que baixaba ó mar. Continuaban a fronteira dos astures, comarcas leonesas cara adentro, ata descer ó Duero para se pechar ó noroeste. Pola cunca do Tera e do Sil, volvían na precura do Navia que choía a seguramente incerta separación cos galaicos. Ás probas que os restos ou os estudios deron do home vivo, engádense as da toponimia, a do celtismo dos nomes persoais, a da arqueoloxía dos castros. A obra reitera o valor heroico de cántabros e astures. Reafirma a orientación do matriarcado. Lembra usos e costumes, así como os enunciados dos cultos naturais. Tamén o celtismo coa análise das casas castrexas. É, sen dúbida, o tercio do libro dedicado á guerra, o que máis sobrancea, por mor da interpretación directa que o autor fai dos escritos orixinais. Partían de tres bases estratéxicas, as vías de penetración dos romanos: unha para combater ós cántabros, Pisuerga arriba ata Aradillos, e Besaya abaixo ata Suances. Outra para dominar ós astures que chegaba a Lucus Augusti. A terceira, a que de Braga se esparexía radialmente a diversas zonas costeiras dos galaicos. De atraínte lectura é a marcha e itinerarios de tres columnas. A primeira contra os astures, polo Bierzo. A segunda contra os cántabros ata Aradillos. A última dominadora dos galaicos, que fora a inicial en actuar. Schulten formula a hipótese de que a conquista de Cantabria vén ser a que determinou a construcción da gran vía militar de «Tarraco» a «Segisamo». Estudia despois os itinerarios e andadas que confirman que a guerra reducira a lonxitude das últimas, en función da resistencia ofrecida. Compróbano as citadas en diversos períodos e rexións daquela titánica loita. Schulten amosa nomes e bocetos de localización das tribus cántabras, das súas cidades, así como os dos astures. Neste particular paréceme que o libro non resulta axeitado para a iniciación do gran público. Máis ben, ofrécese como guía de traballo e crítica para os xa preparados nestas cuestións de protohistoria. Porque as fontes literarias, as bases arqueolóxicas, son difíciles para interpretar os feitos. Así, o lector común non queda orientado, nen ensinado destes temas, como debera suporse.