SUNTUOSA RECEPCIÓN

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

21 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O editor Rocco, un dos máis importantes do país, convidoume onte pola noite a unha recepción na súa casa (quinto piso, centos de metros de salóns, piscina, vista sobre a Lagoa Rodrigo de Freitas, ó pé do Cristo do Corcovado, gardas de seguridade por todas partes). Alí me atopei con vellos escritores amigos, Nélida Piñón, Lygia Fogundes Tellas e Antonio Olinto. Tamén estaba o ministro de Cultura que, por certo, levaba a parte traseira da chaqueta metida por debaixo do cinto. Ninguén o avisou. Por tres veces me presentaron a un vello académico, xordo, solemne e vaidoso, e as tres veces, quizais porque tampouco debía ver ben, díxome aludindo a ese costume retórico dos franceses que consiste en chamarlle inmortais ós membros da Academia: «Disen que son inmortal, pero non me lo creio, comienso a ter achaques. Alguién me ha enganado». Despois escoitei que lle dicía o mesmo, en portugués, a unha señora. Polo demais, todo moi ben e moi agradable, incluso divertido. Vin a un señor sentado ó bordo da piscina, sen decatarse de que tiña dez centímetros da chaqueta, tamén por detrás, metidos na auga. Non lle dixen nada porque estaba moi animado cunha moza toda empolvada de branco, estilo tuberculosa. Ademais, soaban os primeiros compases da música e a xente dispúñase a bailar. Eu aproveitei a circunstancia para marchar, pois como non son coxo, tampouco tería desculpas por negarme a botar uns pasos, cousa que ignoro afortunadamente. Así que me despedín de Paulo Roberto Rocco, tan xentil, e fun durmir.