ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
20 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Un medievalista remata de publicar un estudio destinado a xustificar as loitas para unificar os distintos reinos da península a partir da segunda metade do século XI (semella que o anterior non lle interesaba recollelo), o que se fixo a costa de Galiza, facendo fuxir ou detendo ao rei García polos seus irmáns, o rei Sancho de Castela e o rei Alfonso de León. As crónicas das que se toman estes datos son confusas e contradictorias. O único que fica craro é que o rei García permaneceu encadeado polos seus irmáns até a súa morte, e que ao final quen se fixo cos tres reinos, logo de que alguén eliminara fisicamente ao rei Sancho de Castela, foi o rei Alfonso de León, o que dou lugar, sen outras consideracións referidas ás realidades dos povos e da súa natureza, ao Estado plurinacional dominado dende a meseta peninsular, de costas ás realidades periféricas. O medievalista a que me refiro, e que non cito por non estar de acordo coa tesis que sostén, máis non teño dereito nin coñecementos para o molestar, toma da crónica Najerense a seguinte secuencia: «Sancho, camuflando a súa campaña como unha peregrinación a Santiago, apodérase do seu irmao García e o leva prisioneiro a Castela». Se isto foi así, hai que ver para que lle servía a relixión, o culto ao Apóstolo, as peregrinacións e o Camiño de Santiago, a istes patrioteiros. Claro que o estudio desta historia aínda non está esgotado. Cun panorama de tanta ambición non é estrano que no primeiro tercio do século XII o fillo dos condes de Portugal decidira independizarse do imperio castelano-leonés, levándose un gran anaco da cultura de Galiza, a nosa fala, deixándonos acó abandoados aos intereses mesetarios que seguimos padecendo. Así foise desarborando a nosa nave, e agora vaise a arborar doutra maneira enchendo os nosos cordaes de molinillos de vento. Toques é un de tantos concellos da Galiza central condeado a mal vivir e perder poboación. Posiblemente non lle queden máis de 2.000 veciños. Mais agora inaugúranlle un parque eólico que vai producir enerxía eléctrica para fornecer as necesidades de 23.400 persoas, o que quere dicir que se prevé que a poboación do concello se multiplique por máis de dez da que ten hoxe, ou que os veciños van dispor de dez veces máis enerxía da que consumen agora, supondo que agora disfrutan dunhas condicións normais de consumo de enerxía eléctrica. Se istas condicións non se dan entón o excedente desa enerxía a botarán na rede, incrementando o noso excedente xeral de enerxía eléctrica para beneficiar a outras comunidades, que venderá, quen a explota, cun costo baixo a costa da beleza da nosa paisaxe. O noso destino segue a ser o mesmo dende hai dez séculos. Coa mentalidade de quen se desentende desta situación é difícil pensar que o noso idioma se vai consolidar aínda que celebremos moitos «17 de maio como día das letras galegas».