CARLOS CASARES Á MARXE
20 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Cheguei a Río de Janeiro ás seis da mañá do domingo, polo horario local, que leva cinco horas de retraso respecto do noso. Tiña ganas de marchar para o hotel, pero antes tiven que pasar polos incordios burocráticos de rigor. Botamos nada menos que hora e media para saír do aeroporto. Había unha cola inmensa, que se movía a paso de boi canso, para que nos selasen os pasaportes, e había outra aínda máis longa que a anterior, e tamén máis lenta, para pasar a alfándega. Total, que perdín todo ese tempo nesta clase de trapalladas. Cando me vin no vestíbulo e descubrín a unha moza vestida de azul cun cartel na man que puña o meu nome en letras grosas, sentínme aliviado. Sucedeu, sen embargo, que o chófer do coche que nos tiña que trasladar ó centro da cidade, desaparecera. Por máis que a rapaza chamou por teléfono varias veces, o home nin contestaba nin aparecía. Chegou ó cabo de media hora, correndo, dicindo que fora tomar algo. Atravesamos Río practicamente sen tráfico e dirixímonos a Copacabana, onde está o meu hotel. Había tal lío montado co cambio de direccións que fan os domingos, que tivemos que dar unhas cantas voltas, a cegas, antes de acertar. Eu ía pensando en cal sería a razón de que os países simpáticos sexan tan caóticos, ó revés do que ocorre cos países que se consideran antipáticos. O caso foi que ó chegar ó meu hotel, abrín a ventá e púxenme a mirar para a praia. Aínda que aquí estamos en outono, a temperatura resulta excelente, ideal para pasear. Dentro duns minutos, sen embargo, terei que ir soltar a primeira predicación.