Á MARXE / Carlos Casares
13 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Cando Jorge Valdano me pediu un conto sobre fútbol para incluír nun libro sobre ese tema que ía coordinar el, de seguida me veu á cabeza o tema que quería tratar: a historia dun amigo meu que un día foi ata Madrid nunha moto vespa para cumprir o soño da súa vida, que non era outro que ver xogar a Di Stéfano. O pobre volveu chorando. Despois de facer o imposible para achegarse ó seu ídolo e pedirlle que lle firmase un autógrafo, o famoso futbolista, que non debía estar de bo humor, despachouno cunha mala contestación. Cando se publicou o conto, moita xente preguntoume por qué eu lle quería tan mal a Di Stéfano. Nunca fun capaz de convencer a ninguén de que eso non era certo, a pesar de dar toda clase de explicacións, algunha tan contundente como o feito de que o rapaz que no relato conta o que lle sucedeu non son eu, senón outra persoa, convertida en personaxe literario a partir dese amigo meu. A literatura non sempre é autobiográfica. O que non contei no meu conto de fútbol foi a segunda parte daquela aventura: que o forofo decepcionado, posto no trance de ter que cambiar de club, atopou unha táboa de salvación na fichaxe de Didí, o xogador que acaba de morrer, e permaneceu fiel ó Real Madrid. O meu amigo estaba convencido de que o astro brasileiro viña a Madrid para eclipsar a Di Stéfano, só con esa misión. Domingo tras domingo, esperou. Nunha ocasión díxome: «Didí ten a vantaxe de que é negro e coa camiseta branca, vese mellor». Estaba tan cheo de optimismo, ou de rabia, que un día anuncioume: «Di Stéfano, co rubio que é, xa nin se ve».