UN LIBRO COPIADO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

10 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai uns días, un periódico de Madrid publicaba un longo artigo, firmado por unha coñecida avogada, no que esta confesaba que ela o seu home foran os negros que escribiron un libro moi famoso nos anos setenta, Vida sexual sana, do que aparecía como autor o célebre psiquiatra Juan José López Ibor. Despois de explicar as circunstancias que levaron á citada señora e ó seu marido a aceptar unha proposta desa orde, pois ambos os dous sufrían persecución por parte do franquismo e non podían colaborar na prensa da época, aseguraba que para escribir unha obra como aquela, procuraron informarse a fondo, sobre todo lendo a antropólogos como Malinowsky e outros que non recordo, e non caendo nunca niso que agora se chama intertextualidade. Con esta última alusión, a avogada referíase, sen dúbida, a un caso recente de plaxio, cando o recén nomeado director da Biblioteca Nacional, Luís Racionero, ó ser preguntado polo feito de que nun libro seu incluíse párrafos enteiros dunha obra do prestixioso profesor Gilbert Murray, respondeu que se trataba dun caso de intertextualidad. Pois ben, a citada señora quería dicir que ela non se comportara desa maneira. Non é certo. Eu mesmo escribín por aqueles anos un artigo no que explicaba cómo no libro de López Ibor había párrafos enteiros sacados da obra dun sexólogo americano, Robert Street, copiados ó pe da letra, introducindo, eso si, cambios divertidos na traducción. Por exemplo, onde o orixinal dicía goose pimples (carne de galiña), na versión española puñan cutis anserino, e onde o inglés dicía simplemente couple (parella), en español santificábano poñendo matrimonio. O asunto foi igualmente denunciado na revista Triunfo. Aínda recordo a López Ibor tratando de xustificar o inxustificable e endosándolle a responsabilidade, non ós autores reais, polo que se ve, senón ó equipo de médicos que firmaban o libro con el. Lástima que a avogada non dixera entón a verdade. E que non a diga tampouco agora.