ESTAR RAIADO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

07 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte pola tarde estiven escoitando con atención o que dicían os rapaces do programa Gran Hermano. Para empezar, decateime de que utilizan moitos tacos, practicamente os mesmos que emprega a xente na rúa, que agora é peor falada que cando eu era rapaz, por exemplo. Sobre todo as rapazas, que como dixera don Manuel Rabanal no acto da presentación da miña tese de licenciatura, falan incluso daquelo que non teñen. Supoño que son modas, e que agora toca esta de falar como antes dicían que xuraban os carreteiros. A moitas persoas, este costume prodúcelles indignación, pois veno como un atentado contra o bo gusto, non contra a moral, porque esta, por fortuna, xa non se para nesta clase de banalidades. O peor de todo é a pobreza lingüística que encerra: unha linguaxe tan simple non serve para pensamentos demasiado complexos. Teño a impresión, sen embargo, de que esto acabará pasando e que dentro duns anos, polo menos en determinados ambientes, volverá estar ben visto expresarse sen recorrer á lingua vulgar. Cando eu fun a Suecia a primeira vez, case ninguén se atrevía a dicir a palabra jävla (diablo) en público, logo empezou a escoitarse, aínda que raramente, na televisión. Máis tarde xeneralizouse entre a xente nova. Agora empeza a retroceder outra vez. Con todo, das peculiaridades lingüísticas que puiden detectar entre os rapaces e as rapazas do famoso programa, houbo unha que me pareceu interesante e que nunca antes escoitara. Refírome ó uso que fan da palabra raiar, en frases como: «Estoy rayado» ou «Tengo el coco rayado», cun significado evidente, que imaxino debe de proceder do mundo dos discos, a non ser que teña que ver (oxalá que non), co mundo da droga. Ignoro se forma parte da linguaxe xuvenil dos últimos anos, ou se foi unha contribución persoal de algún dos membros da casa. O certo é que ultimamente todos a empregan. Como creación, non está mal, pois resulta expresiva, ademais de que procede do interior da propia lingua.