ACCIÓN HEROICA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

04 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O día 25 de febreiro de 1969, un grupo de soldados do exército dos Estados Unidos, dirixidos por un xoven oficial de vinteseis anos de idade, internáronse nunha zona do delta do río Mekong, en plena guerra do Vietnam. Nun momento dado, os marines foron atacados por guerrilleiros do Viet Cong, pero gracias á coraxe e á valentía daqueles, a escaramuza resolveuse a favor dos norteamericanos e en contra dos outros, que deixaron catorce mortos no sitio. Uns minutos máis tarde, os vencedores do primeiro choque víronse envoltos nun segundo, que se sustanciou de novo da súa parte, nesta ocasión causándolle nove baixas máis ó inimigo. Todo esto figura, narrado cunha linguaxe moito máis bélica e combativa, no documento oficial que acorda conceder a Medalla do Honor, a máis alta condecoración militar americana, ó tenente que mandaba o grupo. Este home foi dúas veces heroe. Primeiro polo seu comportamento como soldado. E despois porque, ó rematar a guerra, converteuse nun activo militante a favor da paz. Sen unha perna, cheo de medallas, Bob Kerrey pasou a ser un ídolo nacional, respectado por todos, capaz de erguer a súa voz censora contra o mesmo presidente da nación. Ese creto permitiulle ser gobernador, senador e presidente dunha universidade. Sen embargo, parece que todo foi falso e que a acción de guerra na que Bob Kerrey obtivo a súa apreciada condecoración, non tivo nada de heroica, senón que foi simplemente un asasinato. O grupo de soldados que el mandaba aquel día en Vietnam non foi atacado por ninguén nin se viu obrigado a defenderse de ningunha clase de inimigos. O que sucedeu, segundo contan agora algúns dos participantes naquel acto, foi que os americanos entraron nunha aldea, atoparon a trece persoas indefensas, só mulleres e nenos, e dispararon contra a eles sen máis, sabendo o que facían. Probablemente a única verdade que contiña o documento ó que antes me referín foi que «se capturaron dúas armas ó inimigo». Ou tal vez nin sequera eso fose certo.