DESCOÑECIDO PADRE JAN

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

03 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Eu non sei case nada do padre Jan, pero apetéceme escribir sobre el. Só sei que é un cura polaco que vive en África, nunha misión apartada, cuns poucos fieis, perdido no medio duns bosques de árbores de cincuenta metros, tan xuntos uns dos outros que forman unha barreira impenetrable. Só as grandes máquinas das empresas europeas que día a día cortan quilómetros e quilómetros desa inmensa masa forestal son capaces de abrir paso entre aquel muro espeso de troncos como os corpos potentes de grandes bois de raza. Naquel labirinto, unha pedra, unha estaca cravada no chan, un regato, poden ser a salvación. Sen esas referencias, que só coñecen os nativos, os estranxeiros desaparecerían para sempre, tragados por unha natureza onde non existen nin sinais de tráfico nin rótulos de direccións. Naquel ambiente, de pouco serve a sabedoría occidental. Sen a axuda daquelas xentes analfabetas, África sería un cemiterio xigantesco de persoas perdidas, adentradas nuns lugares de onde non se pode saír polos propios medios, é dicir, sen coñecer eses pequenos signos dos que falei antes. O padre Jan, xa os coñece, o cal lle permite moverse dun lado para outro, co único propósito de botar unha man. Desde hai tempo, case non se move da súa misión porque está enfermo de malaria. A penas conta coa axuda dun rapaz que se encarga de bater nunha especie de lata, ou de bidón, que lles serve de campá para convocar os fieis ó culto ou para tocar a oración. Ignoro se o padre Jan, a quen vin citado de pasada nunha reportaxe, case como un personaxe de adorno dentro dun gran reparto de luxo, no que se moven bispos de varias igrexas cristiás e sacerdotes e dignatarios de máis de trescentas relixións diferentes, todas convivindo en harmonía e en paz (en África hai bastante máis que barbarie); ignoro, digo, se o tal padre ten moito traballo. Tanto ten. Díxolle a un periodista que non se marcha a Polonia, para recibir unha mellor atención médica, porque non hai quen coide da misión.