Á MARXE / Carlos Casares
02 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Pasei a tarde de onte lendo o último número da revista inglesa Granta, que trae unha excelente reportaxe sobre o emperador Haile Selassie, a quen por fin enterraron dignamente en Etiopía, vintecinco anos despois da súa morte. Unha morte non aclarada, aínda que todo parece indicar que foi violenta. Pese a que o goberno revolucionario do coronel Mengistu dixo que o Rei de Reis, León de Judá e outros centos de títulos semellantes, morreu de morte natural, as probas din o contrario. Polo visto matárono no leito, afogándoo cunha almofada. Outros tiveron peor sorte. Durante o Terror, foron descuartizados ou liquidados cun tiro na nuca, coa agravante, polo que respecta a estes últimos, de que para darlles sepultura, antes os familiares tiveron que pagar o prezo da bala. O enterro de Haile Selassie foi un espectáculo. Centos dos seus partidarios, especialmente os bravos soldados que coa axuda dos británicos venceron ós fascistas italianos en 1941, rendéronlle honores coas súas armas: lanzas de tres metros e escudos feitos con pel de rinoceronte, dos que penduraban a medallas de guerra. O resto era parafernalia: príncipes e princesas da familia real, antigos cargos do imperio e outros adornos polo estilo. Como é lóxico, non estiveron os membros da igrexa rastafariana, que teñen a Haile Selassie polo mesías. Non acreditan na súa morte. Pediron, nada menos, que ós presuntos restos lle fixesen a proba do ADN. Un disparate e unha vulgaridade. Como se non houbese probas de abondo. A máis fantástica tivo que ver co momento final do enterramento. A caixa non collía no buraco preparado na catedral, de tres metros de longo. Moi raro, se temos en conta que o León de Judá non medía máis que a metade, exactamente un metro con cincuenta centímetros. As crónicas aseguran que o cadaleito tiña unha lonxitude tres veces superior e que foi necesario chamar urxentemente a un par de canteiros. Unha cousa así só lle pode suceder a un emperador, non a unha persoa normal.