Á MARXE / Carlos Casares
01 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O rei de Suecia ten mala sorte. De cando en vez vese envolto en situacións comprometidas, non por cometer grandes errores, senón por facer pequenas trapalladas. Hai uns anos, foi denunciado por unha señora, a consecuencia do exceso de velocidade con que entrou conducindo a súa pequena lancha motora dentro dun porto. A denunciante, moi consciente dos seus dereitos e quizais un pouco chinche, aduciu que o seu fillo, un neno de poucos anos, ó ver que a embarcación na que estaban fondeados se empezaba a mover violentamente a babor e a estribor por culpa das olas causadas pola barca real, púxose moi nervioso e tivo que ser atendido psicolóxicamente. Pese a que o rei, un home sinxelo, pediu disculpas e admitiu que se tiña comportado mal, non se librou de pagar unha multa. Agora, nestes días, os periódicos volveron ocuparse del por unha insignificancia, pero que puido evitar. Resulta que o monarca entrou nun restaurante, comeu, fixo sobremesa e, no momento de pagar a nota, deixou cinco coroas de propina, unha auténtica miseria. O camarero, non menos chinche que a señora do barco, devolveulle a moeda por considerar que se trataba dunha humillación. Para os suecos, que na súa maioría son republicanos, pero con sentido común suficiente para non inventar problemas onde non os hai, estas cousas non poñen en perigo a institución monárquica. Polo que a esta respecta, están afeitos a ter de todo. O rei anterior, por exemplo, Gustavo Adolfo VI, avó do actual, foi un home excelente, arqueólogo, campechano sen ser vulgar, e dotado dunha gran intelixencia. Foi chorado por todo o mundo. Non pasou o mesmo co anterior a el, o pintoresco Gustavo V. Este tiña pequenas manías: calcetaba moi ben, actividade á cal lle dedicaba horas, e bordaba maravillosamente en punto de cruz e outros estilos diferentes. As críticas que recibiu en vida, e que segue recibindo aínda despois de morto, non foron por este tipo de gustos, senón porque fose amigo de Göring. Esas son palabras maiores.