Á MARXE / Carlos Casares
30 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Estiveron onte na casa uns amigos de Madrid que adoitan pasar as vacacións aquí cerca e que, cando veñen, aproveitamos para xantar xuntos. El é un home dotado dunha memoria feliz, que non só lle permite recordar practicamente todos os nomes das vilas e dos ríos que atravesou no coche algunha vez, senón que sabe cantidade de historias, chismes, anécdotas, faladurías, amén de que coñece tamén a media humanidade. Con frecuencia, eu pregúntolle por algunha persoa da que quero saber algún dato, e normalmente el empeza a revolver na memoria, dá uns primeiros pasos vacilantes a través dos recordos, e a continuación ofrece unha información na que non faltan nin o lugar de residencia, incluída a descripción da casa, nin o ano de nacemento, nin os gustos particulares ou a cualificación moral que lle merece a persoa mencionada. De todo canto me contou este amigo, nunha agradable sobremesa, retiven a historia dun coñecido médico madrileño, colega seu, que despois de moitas dificultades políticas para conseguir un posto na sanidade pública, cando por fin lle fixeron xustiza, pouco antes de xubilarse, un día subiu no ascensor do hospital e coincidiu nel co ministro que o estivera amolando. Mirouno, dixo «Aquí huele a cerdo» e marchou. Logo botárono. As cousas non eran sempre tan dramáticas, sen embargo. Por aqueles anos, o médico máis poderoso do país, que traballaba no mesmo hospital que o meu amigo, tivo a mala ocorrencia de insultar, non a un ministro, senón a unha figura venerable da medicina española, e tampouco lle chamou porco, senón que se contentou con chamarlle vello decrépito, ou algo así. Os discípulos do mestre ofendido, reunidos en cónclave, acordaron expulsar do centro, que levaba o nome do sabio, a quen lle tiña faltado daquela maneira ó respecto. Non estaban moi seguros de conseguilo, en parte polos altos parentescos de que gozaba o expulsado, pero finalmente lograron o seu propósito. Non sempre a sabedoría triúnfa da estupidez, pero a veces faino.