UN CABALO E UNHA GALIÑA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

29 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Coñezo a un cabalo que se chama Balú, e que se fixo amigo dunha galiña. Vive preto de aquí, nunha casa de aldea. Antes estaba nun picadeiro, xunto con vinte colegas máis, pero os donos decidiron trasladalo por razóns que non veñen ó caso. Nos primeiros días, o animal púxose morriñoso, comía mal e notábase que estaba triste. A tristeza dos bichos maniféstase na mirada, que se volve melancólica, así como na cabeza gacha. Eses eran os síntomas que amosaba Balú e que só se podían combater, aínda que non de maneira definitiva, sacándoo a pasear polo monte. A cousa complicouse neste inverno, tan chuvioso, que as ocasións de levar o cabalo a trotar en liberdade foron escasas, tanto que o pobre se viu condenado a pasar meses en soidade. De nada valeron os intentos de poñelo contento a base de darlle de comer os seus alimentos preferidos, que consumía sen ganas. Tampouco axudou demasiado a decisión de cepillalo con máis frecuencia, renovarlle a cama a miúdo e poñerlle unha manta polo lombo os días de frío. Loxicamente adelgazou, o seu pelo, antes lustroso, perdeu o aspecto que tiña e o animaliño pasou o tempo deitado, sen ganas de erguerse nin de facer nada. E nesto apareceu a galiña, unha quica da casa, de andares vivos, moi aparente, case con presuncións e aires de galo. Un día pegou un salto, empoleirouse no alto da folla de abaixo da porta, observou o interior da corte, e logo entrou no recinto do cabalo. Este deu tales mostras de contento e fíxolle tantas festas á visitante, que ela de seguida se debeu decatar de que non era tomada por intrusa, senón por visita amigable. Animada polo recibimento, deu un paso máis, e subiuse no alto de Balú. Desde entón, pasea polo lombo do cabalo como se andase polo curral da casa, e el parece encantado de levar sobre si un peso tan livián. A amizade fíxose tan fonda que a quica pon os ovos no bebedeiro automático. Se non se tratase dunha pita e non fose tan presumida, poderíase comparala cunha monxiña da caridade.