O CASO PIORNEDO

La Voz

OPINIÓN

MANUEL RIVAS

26 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O asunto Xosé Cuiña versus Pedro de Llano é un caso estraño. Parece un asunto menor: conselleiro versus arquitecto. Pero para min que pertence á variedade do que poderíamos chamar caza maior. Con todos os indicios existentes, habería que formulalo así: Home Poderoso versus Home Só. Pedro de Llano, coñecido no mundo cultural polo garimoso alias de Yoyo, é hoxe en Galicia un paradigma de arquitecto librepensador e tamén de cidadán indefenso e impotente ante unha arroutada do poder. Haberá quen pense: «¡Home, non esaxeres a película! Nin Cuiña é McCarthy nin De Llano unha bruxa de Hollywood. Déronlle un choio e logo quitáronllo. Pois, machiño, como diría Chichi Campos con ironía, ¡o que joberna manda e hai que goderse!». Pero non. O xuízo ponderado dos antecedentes, dos feitos e dos protagonistas fainos ver que este caso vai máis alá dunha simple incidencia persoal ou dunha controversia estética entre a cor da pedra e o morteiro monocapa no cumio do Piornedo. Aceptalo así, con rutinaria indiferencia, ¡e cando xa pasou a procesión dos caladiños!, é darlle a razón a Don Quixote cando reconvén a Sancho: «Vese ben que es deses viláns que berran viva quen vence». ¿Viva quen vence? Non podemos dar sempre por boa esta ladaíña en Galicia. Hai vintecinco anos, ¡un cuarto de século!, Pedro de Llano comezou os seus estudios e traballos sobre o Piornedo e a súa arquitectura máis tradicional, as pallozas. Daquela, o único que levaban algúns gobernantes aos Ancares eran cartuchos de perdigón para as pitas de monte. De Llano levaba o seu lapis e o seu caderno. Non hai encontro ou coloquio sobre a recuperación das pallozas nos que non apareza a destra aportación deste arquitecto, mergullado tamén na arte, o paisaxismo e a antropoloxía. Dirixiu a primeira revista de arquitectura galega, Obradoiro, e a finais dos anos setenta organizou a exposición Arquitectura popular das serras galegas. En 1982, publicou o tratado da Arquitectura popular en Galicia, unha obra de referencia obrigada, non só en España, dos estudios neste campo. Foi De Llano quen, a final dos oitenta, elaborou no Consello da Cultura Galega un proxecto de protección integral dos Ancares, coa creación dun parque natural, que non saiu adiante precisamente pola oposición da maioría conservadora (¿conservadora?) no Parlamento. Cun moi escaso presuposto, e xa falo de tempos máis próximos, De Llano e o seu equipo lograron un pequeno milagro en Piornedo. Como xornalista, tiven que facer reportaxes en épocas distintas e podo dar fe desa metamorfose positiva. Cos medios de que se dispuña, fíxose auténtico salvamento e socorrismo da arquitectura popular. O propio conselleiro, hai dous anos, eloxiou os traballos de rehabilitación. ¿Que pasou para que Cuíña, de súpeto, perdera neste asunto o que os italianos chaman a finezza? Hai pouco, en declaracións públicas, o arquitecto atreveuse a criticar a situación do urbanismo en Galicia e tamén o proxecto da Cidade da Cultura. ¿É un prato do gusto de Saturno esta cabeza rebelde e disidente? Outro Pedro de Llano, de lexendaria memoria, foi unha das figuras sobranceiras do liberalismo coruñés do século XIX. Compañeiro de Porlier, dirixente de La Esperanza, morreu no exilio de Liverpool. Ou sexa, Let it be. Deixen a este De Llano en paz. E no Piornedo.