Á MARXE CARLOS CASARES
25 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Onte pola tarde estiven en Toledo para dar unha charla. Había tempo que non viña por aquí. A última vez foi para tomar parte nun coloquio pechado, no que eramos doce persoas de distintos países de Europa, hai xa bastantes anos. Entre os asistentes estaba daquela un personaxe curioso, antigo fundador de ETA, que falaba idiomas estraños, como o vietnamita, o húngaro e algúns máis dos cales non me lembro. Unha noite, ó pasar á beira do Alcázar, púxose como tolo, empezou a dar uns berros agudos, parecidos ós dun paxaro, e a lanzar puñetas contra as paredes do edificio, ó tempo que ría a gargalladas. Eu pedinlle que se tranquilizase, máis que nada para evitar calquera incidente coa xente que pasaba. De volta no hotel, que en realidade non era outro que o Palacio de Fuensalida, sede actual da Presidencia autonómica, aquel home estívonos contando a unha rapaza sueca, diplomática de profesión, e a min, a súa particular versión do que sucedera no Alcázar co episodio célebre da conversa telefónica entre Moscardó e o seu fillo. Cos anos, decateime de que estaba falando por boca dun historiador americano que escribira un libro ó respecto. Se alguén chega ver a aquel individuo naqueles anos, seguro que se armaba lío. O Alcázar foi un símbolo intocable. Eu aínda recordo a impresión que sentín a primeira vez que oín falar daquel monumento con palabras relaxadas, incluso con humor. Foi a un militar mozo, posteriormente expulsado do Exército, que nacera alí dentro, durante o asedio, e a quen por ese motivo quixeron casar cunha nena nacida tamén nas mesmas circunstancias, para engadirlle máis forza a un símbolo que xa tiña moito vigor de por si. Custoulle evitar o casorio, pero negouse porque non estaba enamorado. Agora, o famoso edificio convertérono nunha magnífica biblioteca, chea de xente nova que vai e ven, allea ó que sucedeu naquel lugar. De alí sairán tamén algúns amores, pero por que si, non para simbolizar nada máis que a normalidade.