Á MARXE CARLOS CASARES
23 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Xa teño contado aquí que me gusta falar cos taxistas, sobre todo cos de Madrid, moi dados ó palique e con opinións propias, ás veces contundentes, sobre os temas máis vivos da actualidade nacional. Non están á altura dos arxentinos, únicos no mundo, pero ocupan un lugar alto na lista dos bos conversadores, que pechan pola cola, sen dúbida, os suecos, encerrados nun silencio acoirazado do que só saen, por pura cortesía, cun monosílabo de cando en vez. O dos arxentinos pode acreditarse con datos incontrovertibles. O rector da universidade de Santiago, por exemplo, ten contado publicamente como un día, desde o aeroporto de Eceiza ata o centro de Buenos Aires, foi discutindo cun taxista daquel país sobre o imperativo categórico de Kant. Chegados a ese nivel, Madrid non sube tan alá. O dos madrileños é máis doméstico. En xeral, a súa especialidade é a política nacional, e algo tamén de política municipal, esta última maiormente referida a asuntos de tráfico. Respecto da primeira, son máis ben conservadores, partidarios do orde e escasamente entusiastas coa clase política en bloque, da que teñen bastante mala opinión. En canto á segunda, goberne quen goberne, pensan que os concellos son un desastre. O que me levou onte desde o centro de Madrid ata o hotel era home contrario á violencia e pacifista relativo, pois nalgúns casos confesouse partidario da pena de morte. Había, sen embargo, unha contradicción entre o fondo do seu discurso e a súa maneira de conducir, autenticamente enlouquecida. Pasando por Santa Engracia, dúas señoras tiveron que saltar como as galiñas saltaban antes nas estradas, fuxindo dos coches, para non ser embestidas. En San Francisco de Sales estivo a punto de levar por diante a un señor que atravesou contra dereito un paso de peatóns, cun ramo de flores na man. O taxista, sen baixar a velocidade nin torcer a liña recta, chamoulle animal a través da ventaíña. Logo seguiu falando conmigo da xente agresiva e violenta.