CRÓNICAS INCONFORMISTAS / Isaac Díaz Pardo
22 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Non se trata de escribir sobre a excepcional obra de Arthur Miller A view from the bridge, pois a ponte que maxinamos é a do tempo; ven dende 60 anos atrás e dende ela vese o panorama do drama e da contradicción humana, semellante, aínda que inmensamente maior. Acó trátase de recordar, pondo o arranque da ponte na batalla de Stalingrado con motivo dos comentarios a que dou lugar o filme de Jean-Jacques Annaud dende este outro extremo do tempo. Anda na idea dos estrategas, especulativos e empíricos, o disparate que supón conquistar Rusia. O fracaso de Napoleón está presente. Nembargantes a situación e os factores non eran os mesmos do ano 1942. Nese ano toda Europa occidental, deica unha parte de Rusia e os países bálticos, ficaban baixo o dominio nazi. Só salvouse Suíza e Suecia. España e Portugal, baixo presión inglesa e ianqui, tomaron unha posición ambigua, como belixerantes, aportando seudo-voluntarios e camuflando fornecementos de materias e combustibles. Os alemáns non estiveron solos na invasión de Rusia. Nos países que foi conquistando apareceron Quislings aos que se sumaron sectores do pobo acordes co sistema nazi, incluída a mesma zona ocupada de Rusia. Polo oriente o outro aliado do Eixo, o Xapón, xa estaba nas portas da Australia, dominaba o sector máis importante do Pacífico e xa entrara no Índico e nunha parte importante da China e da Mongolia. Se os nazis chegaran a cruzar o Volga e dominaran o petróleo do Oriente Medio, a ocupación de Rusia xa non era tan improbable ao sumar o poder da nación euro-asiática que fosen conquistando, e enlazar directamente co Xapón. Entón pode que o poder dos EE UU habería chegado un pouco tarde, pois aínda a finais do 41 empezou a decatarse do que podía acontecer cando lle golpearon Pearl Harvour. O cerco e destrucción do mellor do exército nazi en novembro do ano 42 fronte a Stalingrado marcou a inflexión da sorte temida do dominio do mundo polas ideoloxías do Eixo Roma-Berlín-Tokio. Non é estraño que os demócratas do mundo, aínda que capitalistas-anticomunistas, consideraran a Stalin como o gran salvador do mundo libre, e se poideran o canonizarían; mais Churchill entregoulles en Teherán a Espada de Honor da victoria, e en Yalta, tanto Churchill como Roosevelt gardáronlle pleitesía. Os que nos enteramos pola radio inglesa da derrota de Stalingrado respiramos e ficamos seguros que, aínda que durase varios anos, os nazis tiñan a batalla perdida. Agora os paniaguados dos que dominan o mundo económico e os medios de comunicación din que Stalin era unha besta e como tal ganou a batalla matando aos que se rendisen. A estes paniaguados preguntaríalles ¿de que bestas nos están falando?, pois nós coñecemos a outros semellantes que facían o mesmo e non tiñan máis motivos que os dos seus egoísmos persoais. Somos, en xeral, como viraventos, e non se nos pode pedir máis a este animal que somos, que non ten máis orientación que a que nos marca o bandullo, e un certo grado de tolería.