LEMBRANZAS DUNHA MULLER FEA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

22 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando eu era neno, moitas veces lle escoitei falar á miña nai e ás súas irmáns dunha amiga feísima que tiñan. Non me estrañaba porque os apelidos da señora, a quen eu aínda non coñecía de nada, semellaban máis un chiste ou unha nomeada que a maneira normal de nomearse unha persoa cristiana. Sentía tanta curiosidade por ver a aquela muller monstruosa que tiña advertido na casa que se algún día nos cruzabamos con ela na rúa, que por favor non deixasen de avisarme. Mentres tanto, dediqueime a imaxinala: supuxen que debía ter unha cabeza grande, un nariz enorme, malformado e descomunal, e moitos toromelos, do tamaño das patacas, repartidos pola cara adiante. Teño unha idea de que vira a alguén así ou nunha barraca de feira, ou no cine, ou nas estampas dalgún libro de medo. Un día, indo coa miña nai pola rúa, vin que se saudaba moi efusivamente cunha amiga. Mentres elas falaban, eu dediqueime a observar un escaparate, onde exhibían unhas botas de fútbol para rapaces que me parecían un soño e que nunca cansaba de mirar. Despois dun longo palique, as amigas despedíronse. Entón souben que se trataba da interfecta, cando a miña nai me dixo que non mirase para atrás, pero que aquela era a muller. Mirei, pero xa non me puiden fixar, pois a señora ía andando de costas a min. Con todo, estaba claro que non se parecía ó repelente ser humano que eu imaxinara. Agora, anos despois, podo reconstruír na memoria a pantasma que inventei, pero non recordo ningún rasgo do ser real que vin falando aquel día coa miña nai. Igual pasa con Cleopatra, que en Londres aparece estes días nunha exposición como unha muller fea. Seguramente se trata dun empeño absurdo, condenado ó fracaso, pois o personaxe histórico, fose como fose, será incapaz de sobrepoñerse á imaxe romántica da muller fermosa que foi tecendo a lenda e que pasou á literatura. A realidade non son as cousas como foron, senón tamén como se imaxinaron. Por sorte para a historia da humanidade.