PROFESOR CARRO

La Voz

OPINIÓN

X. L. FRANCO GRANDE

17 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Xavier Carro é un profesor galego afincado, pasa de vinte anos, en Alacante. O autor de As calexas do Cigurat vén formando xeracións de alumnos de galego na Universidade daquela cidade, chegando a ter corenta no pasado cuadrimestre. Para mellor incorporalos ós traballos académicos ten por costume chamar a autores, profesores e intelectuais galegos para que os alumnos coñezan ás persoas e materias que estudian nos libros ou na cátedra. Case estou certo de que algo semellante non se dá en ningunha outra parte, nin en Galicia nin fóra dela. Tiven ocasión, o pasado día cinco, de estar con Xavier Carro e con algúns dos seus alumnos, de ter unha idea directa dos traballos en que se ocupan e do altísimo nivel que moitos deles acadaron no coñecemento da cultura, da lingua e da literatura galegas, en especial no galego falado. Falar natural Xantamos xuntos Xavier e máis eu, con dous dos seus alumnos. Esforceime de primeiras en falar de vagar e en pronunciar con claridade; pero, ó pouco tempo, nin me decataba xa de que estaba a falar con estudiantes non galegos. A nosa conversa en galego era natural ou, como diría Novoneyra, a cousa ía «dun xeito seu, acostumado e natural». De volta, na casa, sentinme «tonificado», que diría Ramón Piñeiro. Porque pasei uns días nun mundo cheo de ilusión, de forza xuvenil, de idealismo. Algo que non experimentaba dende hai moito tempo. Pena que fose tan lonxe como en Alacante.