O FUTURO DE ENCE E O EUCALIPTO

La Voz

OPINIÓN

RAMÓN REIMUNDE

17 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O anúncio por parte da Sociedade Española de Participacións Industriais (Sepi) da inminente privatización de Ence, asi como a consciéncia da importáncia dese proceso de cámbio de donos para os 500.000 propietários forestais galegos e para a economia do país, incita-me a facer un comentário persoal sobre este tema. Non dispoño de información privilexiada, e a que teño provén deste xornal. O consumo anual de eucalipto galego por Ence supera o 60% das cortas anuais desta espécie en Galiza. Isto dá unha idea da preocupación dos produtores de madeira de eucalipto ante o risco de que cheguemos ao estremo de que as fábricas de pasta de papel exerzan unha posición de monopólio maior ainda que a que actualmente operan (Pontevedra e Navia), forzando un prezo à baixa, apesar do alto valor da pasta e do dólar, que foi unha rica dote para adornar a noiva en busca de pretendente. Estamos a falar dun sector que xera uns benefícios netos duns 500 millóns anuais en cada concello forestal, moi repartidos entre os seus habitantes. Nestes dias, con toda certeza, a Sepi está negociando algo decisivo sobre a venda do 51,6% de Ence e están cocendo neses fornos o noso futuro pan ou a nosa futura fame. ¿Quen decide todo isto? Uns executivos frios que queren encher as arcas vendendo un tesouro nacional. Non me interesa a quen o venden, nen o podo evitar. Interesa-me como. Se tivese que manifestar unha opinión como un produtor máis de madeira, diria que de todos os pretendentes prefiro a opción de Sonae-Caixa Galicia. Porque, por un lado, un poderoso e experimentado sócio industrial como Belmiro de Azevedo, seria unha garantia de boa xestión e tecnoloxia, e supoño que seriedade, capaz de controlar Norfor, a división forestal proveedora de Ence. Por outro lado, Caixa Galicia ten a obriga moral e económica de administrar os aforros dos galegos, contando na actualidade con capacidade financiera para abordar a aposta. Canto as outras opcións de compra, o consórcio Foresgal-Fenosa non me oferece esas garantias de fiabilidade, experiéncia e xestión. Non por máis galega vai ser menos especuladora. A opción de Portucel teria sérias obxeccións xeo-políticas por ser unha empresa estatal do país veciño, que tamén se veria vencellada pola participación de Sonae. En todo caso convertiria-se a nova entidade na maior produtora de pasta do mundo, e máis vale ser cabeza de león que cauda de rato para liderar ese mercado planetário. A outra opción das papeleiras nórdicas (Enso Stora) e finlandesas (Metsälitto) inclinaria a balanza da producción mundial cara o norte, tendo aquí perto a producción suficiente de eucalipto, e seria positiva para as explotacións forestais por romper a situación de monopólio, o que favoreceria os prezos do mercado da matéria prima. O mesmo sucederia con outros compradores que non sexan portugueses, mais non nos ilusiona neste baile o samba brasileiro (Aracruz) ou os ritmos con capital americano. Penso na necesidade de que os propietários dos montes participen no pastel industrial da pasta de papel. ¿Como? Coa sua matéria prima, con ilusión, co fortalecemento do ámbito de localización da indústria, con benefícios obtidos unicamente do prezo rendábel da madeira que fagan posíbel unha explotación sostíbel dos montes e o investimento en infraestruturas, pistas, concentracións parcelárias, asi como o fomento da sua unión en coperativas ou asociacións forestais. Para isto é necesario que a Xunta e o Goberno central actuen como xuíces xustos estabelecendo as regras de xogo adecuadas para defender os intereses dos cidadaos galegos. E tamén seria preciso contar coa Asociación Forestal de Galicia, que reune millares de importantes propietários de montes e centos de comunidades forestais. E ainda cumpriria contar con sérias empresas provedoras de eucalipto, transportistas, traballadores e en conxunto con todo o sector forestal. Pero contar, naturalmente, non como comparsas pasivos e suxeitos pacientes, senón coa sua presenza pactada no consello de administración, obviamente, dando-lles opción a participar na compra. Esta seria a única condición que debia impor-se na privatización de Ence e na escolla dos sócios de referéncia para mercar o primeiro 24,9% do accionariado, sexa quen for o comprador, que deberia ter a habilidade de implicar todo o mundo forestal no proxecto industrial, o cal pasa pola oferta dun prezo razoábel por tonelada de eucalipto posto en fábrica. Noutro caso romperá-se a cadea e os proveedores buscarán outras saídas. Porque este pastel tan apetitoso de Ence leva un ingrediente envenenado: o próprio eucalipto que invade as zonas costeiras, un monocultivo que só se explica por razóns económicas e que arruinaria a millares de inversores rurais se non se planifica ecoloxicamente. E leva tamén unha guinda non menos mortífera: se non se cumpre a normativa que agora atrasa a Xunta en matéria de contaminación das rias, poden chegar a pechar a fábrica de Pontevedra ou engadir-lle un custo social e económico insostíbel. A solución, hoxe mesmo ou o 9 de maio, se o poderoso cabaleiro e deus da Sepi quer.