MEMORIA

La Voz

OPINIÓN

ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa

16 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Nos anos sesenta, o título do poema de Celso Emilio Ferreiro Longa Noite de Pedra converteuse en sinónimo dos longos anos de dictadura franquista. En 1982, só sete anos despois da morte de Franco, os meus alumnos de literatura galega interpretaban ese mesmo poema en clave intimista e mesmo convertían en lírico o que para milleiros de lectores anteriores era épica pura e unha das manifestacións máis evidentes da chamada poesía social. Consideracións literarias á parte, en tan curto período de tempo a memoria histórica do recente autoritarismo estaba perdida. Lembro este asunto a propósito da intelixente iniciativa do concello da Coruña de inaugurar un monumento ós fusilados na guerra civil en Punta Herminia e da autoría do sempre xenial Díaz Pardo. Un xesto que se volve audaz neste silenciado 60 aniversario da II República. Ese lugar resume de forma tráxica a memoria do mellor de varias xeracións galegas de pensamento libre que foron arrasadas pola brutalidade daquel golpe de estado. Fronte ó esterotipo dunha Galicia sumisa e entregada ó fascismo desde o primeiro momento, o sangue do Campo da Rata (agora honrado) é algo máis ca un símbolo dun país que poucas semanas antes daquel escuro xullo de 1936 viña de plebiscitar o Estatuto, un claro respaldo á República. Aquí non houbo guerra, se cadra porque a represión foi inmediata e sanguenta. O grito de pedra de Díaz Pardo, agora, igual que antes a esecenografía recollida en O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas, restauran o valor liberador das artes e unha memoria necesaria. Necesaria, por exemplo, para vencer esta preguiza intelectual actual de non falar racionalmente sobre monarquía e república.