ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
15 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A Constitución e o Estatuto de Autonomía son papeis que terman do que lle poñen. Da interpretación do que din é o que hai que valorar. A Constitución definiu o Estado das Autonomías baixo a suxestión de notorios feitos diferenciais no Estado español, e viuse forzada a clasificar comunidades de primeira e de segunda. Tolerou que algunhas de primeira teñan linguas propias, concesión que tamén se fai porque as xentes prácticas, que son as que mandan, chegaron á conclusión de que as linguas non estorban aos negocios (-Ti déixaos, dirá o gran Señor, que falen en galego, euskera ou catalán, como se queren falar en sánscrito ou en persa, con tal de que os negocios os deixen para nós...). Agora vemos que os constitucionalistas que defenden a Carta Magna o fan para atacar aos nacionalismos periféricos, e son os mesmos anti-federalistas os que sempre se entregaron nos brazos de estados federais como Alemania, sobre todo cando era nazi, ou agora cos EE UU, a quen lle están entregando, non só en aluguer, eidos da nosa terra, tamén os nosos centros de producción bélica, converténdonos nun Estado títere. En canto ao Estatuto de Autonomía de Galiza, a realidade é ben contradictoria cos propósitos da nosa Carta fundamental, pois lonxe de defender os intereses da nosa terra caeu nunha colonización dos nosos recursos, e os moitos científicos da economía que temos, en xeral, non se explican por que Galiza vai á cola en case todo, cando está craro que non pode ir ben se cada vez é menos dona da súa casa. Dende un principio o oportunismo, desentendido do interés xeral da nosa terra, dominou a redacción do noso Estatuto deixando fóra a quen máis sabía e máis fixera pola Autonomía da Galiza e por defendela tiveron que padecer a historia e algúns padecer 40 anos de exilio e morrer nel. Refírome a Lois Tobío, a Osorio Tafall, a Carballo Calero, a Paz-Andrade, redactores, xunto con Bóveda, no 1931 dende o Seminario de Estudos Galegos, do primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galiza, que serviu de base ao do 32 plebiscitado no 36. Foi o saber destes homes, e a historia que aportarían, o que se quixo evitar, para figurar uns cantos como inventores do lerio. Valentín Paz-Andrade, o galeguista máis equilibrado que tivemos, intelectual, empresario, xurídico e político, díxolle a Tucho Calvo ao falar da Constitución do 78: «... ficaron vivas as adherencias do réxime anterior dentro do principio da democracia (...) e saiu un proxecto de Estado que nin é autonomista nin centrista, nin ten condicións pra funcionar... (...) é un híbrido no que as estructuras do centralismo se conservan intactas dentro da fachada autonomista». Dende a Constitución de Bayona e a Pepa do 1812 deica a vixente do 1978 rexístranse unha ducia de textos constitucionais, máis a dependencia económica segue en aumento, porque somos burros incapaces de competir co alleo. Non se recorda esto para atacar a alguén, senón para chorar e ver se podemos correxirnos.