XOSÉ DÍAZ OS PASOS PERDIDOS
12 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Todos sabemos que cando Ulises se embarcou no longo periplo de regreso a Ítaca, pasou por moitos países. O que ninguén sabe é que un deles foi Galicia, que Homero na Odisea denomina país dos lotófagos. Ulises chega a el «sobre un mar fecundo en peixes» e, unha vez na ribeira, envía a tres homes a explorar esa terra ignota, que resulta habitada por un povo que se alimenta de lotos (que sospeitamos se trata do grelo), unha planta que ten un efecto arrepiante: quenes a comen perden a memoria. Isto impide ós homes de Ulises regresar á ribeira, de maneira que o xefe decide ir buscalos. Pero cando dá con eles atópaos desmemoriados e ten que levalos á forza ó barco, que axiña se alonxa daquela estraña terra. Centos de anos despóis, cando o xeneral romano Décimo Xunio Bruto está a punto de invadir o país dos lotófagos (que agora chaman callaicos), a fama da desmemoria dos seus habitantes aínda persiste, e os soldados romanos néganse a cruzar o rio Límia por temor a quedar sen recordos. Bruto dá exemplo e logo de cruzar o río vai chamando un a un ós seus oficiais polo seu nome. O militar aínda non comera a planta do loto, porque dín os historiadores que ás lexións romanas que andiveron pola Gallaecia tiveron que ir rescatalas. Aínda hoxe segue esa maldición a facer estragos no antigo povo dos lotófagos. Nunha das miñas singraduras racalei nun dos seus portos e comprobei que a desgracia persistía: uns homes que bebían na taberna do porto, inquiridos pola miña curiosidade, non foron capaces de recordar nin o nome dos seus pais. Fuxín de contado como Ulises.