UN LIBRO E UNHAS CESTAS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

09 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Poucos americanos haberá que non teñan unha cesta Longaberger na súa casa. Vense nas películas de cine daquel país nas que as familias van de picnic, ou de piquenique, como din os portugueses, que é o mesmo que nós chamamos comer de campo. Trátase dunhas cestas feitas con madeira de urce, moi parecidas ás que se fan aquí con vimbio, aínda que de formatos moi diversos. Un dos elementos que sen dúbida contribuíron a que unha cousa tan simple se convertera en obxecto de culto e veneración, é que as citadas cestas van firmadas polo home ou pola muller que as teceu. Dese xeito, rescatadas do anonimato da fabricación en serie por ese pequeno detalle persoal, as Longaberger cámbianse, véndense de segunda man e mesmo forman parte de coleccións. Tamén se subastan, e ás veces alcanzan prezos considerables, próximos ás cen mil pesetas ou máis. Teimas ou extravagancias á parte, todos os días se venden no mercado americano unhas corenta mil unidades desa marca. O centro de tan próspero negocio está nunha vila de Ohio que se chama Newark, onde o edificio central da compañía ten a forma dunha das súas famosas cestas. O xenio de Dave Longaberger, creador do imperio, consistiu en primeiro lugar no detalle da firma; despois nunhas xuntanzas, organizadas polos vendedores en casas particulares, nas que se reunen amigos e veciños, ou simples coñecidos, para falar das súas marabillosas experiencias campestres. Pouco antes de morrer, o señor Longaberger escribiu un libro contando a súa vida, que agora ocupa xa as primeiras listas dos máis vendidos. Naturalmente, son unhas memorias nas que a parte principal está dedicada ó tema que dominou a súa existencia. O lanzamento da obra fíxose polo mesmo procedemento que se segue co producto rei da factoría, en reunións cos devotos da marca. Os beneficios irán para obras sociais. Porque o negocio non está nos libros, senón nas cestas.