DE SOL A SOL / Xosé Carlos Caneiro
04 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.As primaveras teñen a súa parte gris. Afirmo tal sentencia mentres o xílgaro da veciña non deixa de importunar a concentración, eremítica, que requiren estas columnas. Unha parte gris: as alerxias, Cañete, as aftosas, a Bolsa, Cañete, astenias, Bush e China, Cañete, a idiocia de Gran Hermano. De todas formas non deberan as autoridades rexeitar esta posibilidade para as eleccións autonómicas. Beiras, Touriño e doutor Fraga pechados nunha casa, no Courel por exemplo, e vixiados por decenas de cámaras. Votariamos en conciencia, coñecendo as súas intimidades. Cumpría que os acompañasen os seus primeiros espadas (Pepe Cuíña resultaría indispensable) e un presentador que dirixise o cotarro, transcendente. Aquí temos varios para tal fin, pero Ana Kiro resultaría óptima. Conectamos coa casa do Courel, diría a nosa Ana. E doutor Fraga, Touriño e Beiras sentados no salón comedor dirimindo as súas diferencias. Os votantes utilizarían o teléfono para ir eliminando aos candidatos. ¿Que lles parece o método? É unha idea que propoño para distraerme. Mentres o xílgaro canta, e canta, anunciando tempos mellores.