XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS
24 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.É preciso ser optimistas: a Mir caeu no océano e non vai causar ningún tipo de problemas nos territorios do Noroeste. Hai un século que non diluviaba pero, terapéutica, a sabedoría popular afirma que nunca choveu que non parase. Interceptados mil douscentos cincuenta quilos de cocaína. O optimismo é unha relixión apócrifa que ten os seus devotos nos homes e mulleres incapaces de non decepcionarse. Coma min, que recibo vía telefónica unha mensaxe alentadora. Mónica. Escribiu unha nota ao seu amado desleal: «Otras tienen tu cuerpo pero sólo yo, querido, tengo tu corazón». É unha lectora procaz e compulsiva. Pasa noites en branco con novelas entre os dedos. A imaxinación apoderouse dos seus dominios e vive na ficción, como se fose un personaxe deste teatro que todos habitamos: o mundo. Levántame o ánimo e decido escribir, con ela no fondo, o meu barco pirata de domingo. E digo que me levanta o ánimo porque unha información sobre os triglicéridos aparecida no meu periódico, La Voz, trastórname. Son un candidato á enfermidade coronaria. Os triglicéridos, esa palabra horrísona, convertéronse na miña sombra. Non leo. Non durmo. Esperto e tomo as pulsacións. Intento relaxarme vendo Luar. E aparece Raphael, esa tortura. E canta. «Maravilloso corazón, maravilloso». O presentador Gayoso, que rima con marabilloso, asegura que esa é unha das grandes cancións da historia da música. Así non podo seguir. Debo regresar aos libros, aínda que corro o risco de converterme, tamén, nun personaxe do gran teatro do mundo. Pero os libros cotizan á baixa, como a Bolsa. En Gran Hermano os concursantes non poden ler novelas. Javier Bardem, actor exitoso, non é aficionado á lectura. Os políticos len narrativa nas vacacións. A televisión nosa emite os programas culturais de madrugada. Non temos un Dragó que invite a Aznar para que fale de literatura, de poesía especialmente. ¿Que podo facer comigo? Menos mal que en Compostela organizan un evento de altura exemplarizante para os que malgastan os diñeiros públicos en Julios e Enriques, Iglesias, e outras xacobeas nimiedades. O encontro poético que o Pen Club organizou esta semana en Santiago faime sentir optimista de novo. A poesía conquistou o Everest galaico. E abrazo os mil poetas deste país, os que len versos e novelas, os que se perden entre as liñas delgadas da emoción e o seus misterios. Somos a Mir que caerá na conciencia deste novo milenio: menos gris, menos Raphael, menos Gran Hermano, menos triglicérido. Os que levantamos o teléfono do mundo gritando, como Mónica: «Otros tendrán tu cuerpo pero sólo yo, querido, tengo tu corazón». A balada do optimista. Sen efectos secundarios, prometo.