Á MARXE / Carlos Casares
23 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Cando un pensa na dinamita, non pode menos que pensar en horrores. E sen embargo, sería inxusto aceptar que esa fose a imaxe única do famoso invento. Nos meus anos de neno, durante varios veráns asistín en Beiro á construcción dunha estrada, un camiño de terra e pedra que ía substituír a un carreiro anterior, onde o luxo maior do transporte consistía en andar a cabalo. A obra aquela fíxose a base de dinamitar penedos. Recordo como algúns dos días máis felices aquela tempada na que eu andaba metido entre os traballadores, sobre todo cando me permitían tocar a corneta para avisar de que ía estoupar un barreno. Por fortuna, non tiven a mala sorte de que houbese ningún accidente. Todo transcorreu moi ben. A primeira vez que asociei a dinamita coa traxedia foi pouco despois. Uns individuos de Lamas pretendían rachar uns troncos enormes e non se lles ocorreu outra cousa que practicar neles un buraco cunha broca grande, de man, e meter dentro un cartucho co seu pistón e a mecha correspondente. Non só estiveron a punto de morrer eles mesmos, senón algunhas persoas que se atopaban nas inmediacións. O xoves pola noite, en Santiago asistín ó recital de Derek Walcott e Wole Soyinka, os dous escritores galardoados co Premio Nobel que viñeron ás celebracións do día da poesía. O abarrote que se produciu na sala onde actuaron tivo que ver non só coa calidade da súa obra, senón tamén co feito de que obtiveran o citado premio. É dicir, coa dinamita, que é de onde saen os fondos con que están dotados os nobel. Mentres os poetas recitaban, eu tiña esta idea na cabeza. Sen embargo, non podía esquecer, ó mesmo tempo, que en tanto aquí estabamos celebrando unha festa poética tan fermosa, noutras partes había xente chea de odio, ou de dolor, que a aquelas horas estarían cheas de xenreira, ou de pena, por culpa do mesmo invento. O importante foi que os poetas falaron do que fala sempre a poesía: paz, liberdade, amor.