CONVERSA DIANTE DUN QUIOSCO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

21 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte pola mañá, nada máis levantarme, saín á rúa a mercar os periódicos para dedicarme ó pracer inocente de ler a prensa mentres tomaba o almorzo. Non sei por que, non me gusta facer uso dos xornais que dan nos hoteis, pois teño a aprensión de que non son iguais que os que venden nos quioscos. Trátase dunha bobada, pero a vida da xente normal está feita tamén de pequenas teimas, que non son outra cousa que leves loucuras soportables. Chamoume a atención que chovese tanto en Valladolid e que fixese tanto vento e tan pouco frío. A véspera, durante a cea, escotei as mesmas queixas, por parte dos nativos, do inverno chuvioso que tiveron este ano, igual que pasou en Galicia. Segundo me contaron, non deixou de chover desde setembro. Antes de comprar os periódicos do día, din un paseo pola Praza Maior, que está ben coidada e en trance de restauración. Pareceume unha cidade animada, cousa habitual en todas partes a esa hora da mañá, cando os xubilados aínda non se ergueron. Un pouco máis tarde, ese dinamismo frenético vai caendo, pois en canto se levantan os vellos, as rúas recuperan de novo un ritmo máis lento, máis humano e máis natural. Cando cheguei ó quiosco, tiven que agardar, pois o dono do chiringuito estaba de conversa animada cun cliente e non me prestou atención. Decidín aproveitar a espera para escoitar o que dicían. Non tardei en decatarme de que o señor de fóra, un home aínda novo, de barba branca, acababa de ser pai. Nun primeiro momento, o quiosqueiro interesouse pola saúde da nai e por se todo transcorrera felizmente, pero despois quixo saber tamén se o recén nacido fora neno ou nena. Cando o pai lle dixo que se trataba dunha rapaza, o outro dixo: «¡Que pena!». Naturalmente, o venturoso proxenitor preguntou por que. A resposta foi de saída de pata de banco: «Carne para outro». Observei que o bárbaro trataba ó pai de vostede. Se chega a ter confianza con el, igual lle dicía unha burrada maior.