UNHA ESTRADA BEN SINALIZADA

La Voz

OPINIÓN

MIGUEL ANXO ARAÚJO IGLESIAS

20 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O proxecto da Lei de Estranxeiría faime matinar sobre o problema da emigración, sen entrar nun xuízo técnico daquela. A emigración existiu sempre e seguirá existindo mentres os individuos e os pobos teñan a posibilidade de mellora-las súas condicións de vida. Medra en relación directa ó número de persoas provintes de países pobres establecidos no país de destino, o efecto chamada. E é un fenómeno necesario na España do século XXI para manter en pé a súa estructura productiva, dada a dinámica da poboación española. Polo tanto, a emigración pode resultar beneficiosa, tanto para os emigrantes como para os que se benefician do seu traballo. Neste sentido ha de tratarse de considerar e presenta-la emigración como algo positivo e constructivo, non coma unha ameaza e un problema, aínda que isto penderá do xeito concreto como se realice. Teño a impresión de que a nova lei non atende tanto ese aspecto positivo, canto o negativo que pode implicar. A represión da emigración ilegal crea prezos de escaseza (por exemplo para pasa-lo Estreito) e polo mesmo incentivo para os que organizan os fluxos migratorios. A organización destes fluxos moito leva contribuído a posibilita-la aventura, que unha persoa non se atrevería a emprender polos seus propios medios. España conta aínda con capacidade para recibir emigrantes. Menos do 1% dos censados naceu fóra de España. E deste 1%, a metade son cidadáns da UE xubilados e retirados residentes nas costas do sur, Canarias ou Baleares. En Alemaña case o 6% dos censados naceron fóra do país, e en Estados Unidos, o 12%. Tanto os nativos coma os inmigrados temos que ser educados para comprender e respectar as distintas culturas, e o inmigrante non poderá ser considerado coma un cidadán de terceira, senón de primeira. Para un cristián, un inmigrante, aínda que non teña a nosa relixión, é un irmán, fillo do mesmo Pai, que precisa do noso afecto e atención. Que haxa unha lei que poña orde, parécenos ben, pero, tanto os gobernantes como os cidadáns temos que pensar nas nosas responsabilidades das situacións nas que se atopaban estes inmigrantes para ter que deixa-la súa terra, casas, familia, etc. A lei non debe dar a sensación de ser un muro que se opón á inmigración, que por outra parte será vencido, senón unha estrada con tódolos sinais de circulación para que non haxa que se laiar dos accidentes.