A VINGANZA DA MULLER OFENDIDA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

19 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Eu non sabía que a linguaxe de programación que utiliza o Departamento de Defensa dos Estados Unidos se chama Ada e tampouco que este nome fose unha homenaxe a Ada Byron, a filla do famoso poeta inglés. Esta moza, mentres a súa nai a traía a este mundo, ben puido escoitar, polo menos teoricamente, os golpes desagradables que producía o seu pai desde a habitación de abaixo, dedicado naquel venturoso trance a rachar botellas de soda contra o teito que o separaba da alcoba onde a súa muller daba a luz. Todo un símbolo de desamor. Pouco despois, a nai separouse do xenio. Estaba farta de que lle mentira e que a enganara, primeiro coa propia irmá do poeta, coa que mantivo unha relación incestuosa, e máis tarde con rapaciños novos. Preocupada porque algunha parte das cualidades máis perversas do escritor pasasen á súa filla, temerosa tal vez de que tamén ela se convertese en poeta, a nai puxo en marcha un plan para evitar a catástrofe. Decidiu que Ada se dedicase ás matemáticas. Buscoulle bos profesores, presentoulle a sabios eminentes daquel tempo, regaloulle libros que trataban só de números, e algo conseguiu. Non conseguiu que Ada fose unha boa matemática, nin sequera que chegase a entender gran cousa sobre o tema, pero si que adquirise a fama de saber moitísimo, incluso de pasar á historia como a precursora da linguaxe das computadoras, sen ser certo. O éxito da operación foi total, tanto que chegaron a picar na trampa centos de científicos de todo o mundo, mesmo os que traballan para o Departamento de Defensa dos Estados Unidos. Está claro, polo tanto, que a nai logrou o que quería, non só evitando que a filla herdara os vicios do pai, senón converténdoa no contrario do que un imaxina que debe ser un poeta. O que quizais non imaxinou nunca a vingadora daquel home é que unha filla de lord Byron, o poeta romántico e revolucionario, daría o seu nome a un programa para deseñar as batallas dun imperio.