ISABEL MARTÍNEZ EPIFANIO
15 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Na bisbarra de Pontevedra levamos 45 días sin transporte escolar para uns 8.000 alumnos da escola pública, a causa do conflicto dunha empresa privada (Transportes La Unión-Grupo Monbús) pero que ten a concesión dun servicio público. Para explicar a nosa postura (a dos pais e nais), temos que remontarnos ó inicio da folga. Nun primeiro momento chámannos os traballadores e explícannos as razóns polas que tomaron a decisión de ir á folga. Nós contestamos que podiamos entendelos como traballadores que somos, pero que a nosa obriga era reclamar á Consellería de Educación que aplicara un decreto excepcional polo cal se potestara á Administración para suspender temporalmente a concesión á empresa, e poder ela contratar autobuses de fóra do grupo Monbús. Sendo así, os traballadores garanten a non agresión a eses autobuses. Con esta premisa, temos presionado á Consellería para que a medida se puxera en marcha. Os feitos que todos coñecemos (agresións a autobuses) puxeron continuamente en perigo este servicio, posto que os transportistas teñen manifestado que se retirarían se seguían as agresións, postura que entendemos xa que están intervindo nun conflicto que non é do sector senón dunha compañía en particular. Os pais e nais que ata o mércores, tendo sempre moi presente que a seguridade dos nosos fillos está por riba de todo e de todos, mantivemos unha actitude negociadora, despois da agresión ó autobús con 15 alumnos en Marín non imos pasar unha máis; non imos consentir que se poña en perigo a vida de ningún neno. Por outra banda, o único interlocutor ó que temos que pedir responsabilidades e que cumpla coa súa obriga é a Consellería de Educación, posto que como pais/nais de alumnos, é da que dependemos. O xeito, eles terán que buscalo, xa que tampouco nos piden opinión cando nos impoñen certas compañías de transporte que obrigan ós centros escolares a supedita-los horarios de entrada e saída ás apetencias da compañía en cuestión. Mentres esto escribo, chega a noticia de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anula o decreto do pasado día 9 de febreiro, obrigando a que o servicio de transporte escolar o faga a empresa concesionaria: Transportes La Unión. Se esto é así, que nos diga o alto tribunal ós pais, nais, nenos e nenas afectados cal é a alternativa que nos dá. Temos un problema. Queremos unha solución.