TELÚRICO

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

12 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Teño a impresión de que ás veces tendemos a esquecer que Galicia, por insólita que nos pareza a nós mesmos, forma parte do planeta: un cacho importante de planeta porque é no que nos toca vivir, convivir e sobrevivir. Por iso estes días dei en interpretar como telúricos unha serie de signos tráxicos que, se cadra, o ceo, o mar e a terra nos envían neste inverno para neutralizar esa amnesia colectiva. Temporais sucesivos, cadáveres que chegan polo mar para recordarnos que Portugal está aí ó lado, que as pontes caen e non porque sí, infeccións veterinarias e alimentarias ou terribles e sorprendentes nubes tóxicas matando en Becerreá. A estas alturas da historia e das fazañas bélicas xa sabemos que nada do que pasa na natureza é alleo á acción, coacción e reacción dos seres humanos sobre a terra. O alcalde de Biarritz queixábaselle a un galego do lixo que lles chegara polo mar proveniente da desfeita do vertedoiro de Bens (A Coruña). A natureza pon en evidencia os nosos comportamentos erráticos, mesmo os nosos residuos máis vulgares quedan para sempre delatándonos ó longo e ancho do planeta. Nós aquí enredados na apatía silenciosa e cotiá ou no ruído de despiste que nos rebota a vida institucional e o planeta cabreado e non por capricho. O PP ofrecéndolle pactos ó PSOE para seguir mandando en Galicia, o BNG presentando unha moción de censura para explicar que non teñen nada persoal contra Fraga e que non son independentistas e o PSOE que non sabe/non contesta. O mandato simbólico e anoxado da terra, do ceo e do mar, quizá sexa que a vida, a nosa vida colectiva, reclama outros discursos e atencións.