CARLOS SÁNCHEZ CRESTAR
10 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Fixenme insubmiso en 1988, cando tiña 27 anos, con duas ideas moi claras: que ninguén me obrigaría a facer a mili, e que o exército ten que desaparecer. Teño agora 40 anos, son profesor nun instituto de Carballo, estou pendente de cumprir unha condena de 2 anos, catro meses e un día de prisión por negarme a ir á mili, e sigo pensando o mesmo. Case todas as persoas que me coñecen preguntan-me se todo isto pagou a pena. A resposta non é sinxela. Os insubmisos conseguimos algo que era aparentemente imposíbel: acabar co servizo militar obrigatório. Axudaron-nos várias circunstáncias: o derrumbamento da Unión Soviética, o enorme desprestíxio da própia mili e do exército español en xeral (especialmente despois do golpe de Tejero), a tendéncia no resto de Europa a facer exércitos profisionais. Pero a verdade é que na Península o movimento conseguiu que en moitas zonas a maioria dos mozos non fóramos á mili (sobre todo en Cataluña e Euskadi), e que as consecuéncias foran normalmente leves, xa que sempre fomos moitos máis dos que podían xulgar e enviar á cadea. Pero o obxectivo principal do movimento, abrir un debate social sobre o papel dos exércitos no mundo moderno e propoñer a sua disolución, parece moi lonxano, e agora que a mili está a piques de rematar a sensación que temos moitos insubmisos é que o movimento está estancado. Poucas veces conseguimos falar do que realmente nos interesa, é dicir, traballar para facer avanzar un pasiño máis á humanidade cara á paz, eliminando un dos factores fundamentais de que, por exemplo, eu non vivira nen un só día da miña vida sen que houbese unha guerra en algún lugar do mundo, e que na inmensa maioría dos casos esta estivese protagonizada por profisionais do manexo das armas. Teño moi claro que unha cousa é falar da paz e outra facer algo por ela. Para o primeiro están os políticos e os publicistas do exército. Para o segundo están os insubmisos que foron e seguen sendo castigados por defender a paz de forma tan radical. Mentres toda a sociedade siga falando (mal) do exército, terá valido a pena.