Á MARXE CARLOS CASARES
03 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.En realidade, Bélxica non existe, aínda que alguén a inventou. O que hai aquí son dous países distintos, Valonia e Flandes, unidos por non se sabe qué, pero que teñen moi poucas cousas en común. Respecto da lingua, por exemplo, ningún parecido con España. En canto se pasa a raia imaxinaria que separa a unha rexión da outra, tamén se cambia de idioma, pero dun xeito radical e absoluto. Quero dicir que en Valonia só se fala francés e en Flandes só se fala neerlandés. Máis aínda, para un lector que tratase de buscar libros franceses nunha librería flamenca, ou ó revés, como me pasou a min, resultaríalle imposible. De maneira que podemos dicir con propiedade que Bélxica é un país sen unha lingua común para todos os seus habitantes. Unha cousa complicada. A esto hai que engadir que valóns e flamencos non se queren ben. Estes últimos, que forman a parte rica do reino, toman ós primeiros por vagos e pouco serios. Acúsanos de vivir do conto, de apuntarse ó paro para non ter que traballar e de gastar en medicamentos cantidades de diñeiro innecesarias, que logo teñen que pagar tamén eles, que non se valen desas prácticas. Os valóns, igualmente, din cousas dos flamencos. Vistas as cousas, non parece que o futuro vaia ser nada fácil. Case ninguén cre que estes dous territorios que hoxe conviven dentro dun mesmo estado, o estado dos belgas, o poidan seguir facendo durante moito máis tempo, posto que non hai belgas, é dicir, non hai xentes que sintan esta identidade unificadora por riba da súa propia condición territorial.De momento, un dos poucos factores que soldan en parte esta unidade recente é a monarquía: o rei fala as dúas linguas, o mesmo que a raíña, que é italiana, ou o príncipe herdeiro. Supoño que algo podería facer a este respecto o célebre Tintín, o personaxe deseñado por Hergé, identificado como belga en todo o mundo. Aínda que non estou moi seguro, porque a Tintín, os flamencos chámanlle Kuifje.