CHINA E O MERCADO

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS

25 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Patrocinada pola Fundación La Caixa e o Concello de Santiago está aberta no Auditorio de Galicia unha exposición sobre a cerámica china que garda o Museo Guimet, de París. A cerámica, antes que a pedra labrada, dou testemuña das civilizacións. As pegadas no barro, secadas ao sol, deberon ser o principio da cerámica, que en certos casos conservaron deica hoxe a identidade dos seres que triparon o barro. O principio da observación humana e a posibilidade das mans na maleabilidade das arxilas estarían no despegue do coñecemento do saber facer. Só a cerámica resistiu no tempo porque ela ven a ser a terra convertida en rocha nun proceso magmático en proporción á temperatura a que se someta. Catro ou cinco mil anos antes da nosa era os chinos xa tiñan unha cerámica máis ou menos cocida. Nun país tan inmenso e variado, base no seu occidente de teito do mundo, debe ter de tódalas rochas que se formaron na codia terrestre. Nun tempo, non preciso, xa da nosa era, unha das arxilas pasada de temperatura empezou a vitrificar e translucir (posiblemente trataríase da semicaolinización dun feldespato). Esto dou lugar ao coñecemento dunha arxila que se denominou caolín que, ao parecer, significa da alta montaña. Seleccionada e evolucionada dou unha cerámica branca e translúcida que os italianos denominaron porcelana, pola semellanza da cuncha do molusco porcellana. Moito antes das riquezas que trouxo Marco Polo, as porcelanas chinas asombraban na Europa. Por acó empezou un comercio en demanda dunha cerámica branca, que o continente non tiña. Así, no Medio Oriente, por onde pasaban algunhas cerámicas chinas, empezouse a facer algo semellante á cerámica branca, revestindo unha terra oxidada, amarela ou roxiza cun esmalte branco de opacificantes estaníferos. Esta cerámica é a que veu cos árabes que desembarcaron na península, quen, ademais delo, nos trouxeron o papel, a seda, o álxebra... A illa de Mallorca foi centro receptor e exportador a Europa desta cerámica, e por esta procedencia distinguiuse como maiólica, como aínda se coñece hoxe. Mais esta cerámica, que empezou sendo unha suplantación da china, dou pé á gran cerámica hispano-árabe, unha das creacións máis significativas de tódolos tempos, xunto coa cerámica precolombina. Polo século XVII as casas reais da Europa e os alquimistas traballan arreo para conquerir o segredo da china, e así chegan a conquerir unha pasta tenra, xeralmente calcárea; unha delas, a bone china dos ingleses, ata que a principios do século XVIII identifícase caolín no leste de Alemaña e na Sajonia se obtén a primeira porcelana dura da Europa, que foi nacer, con valiosas excepcións, na época do melindre e do primor, aínda que esta nota é só para describir un sistema de comercio natural que tivo grandes beneficios para a humanidade, e contrasta co que fomenta hoxe o neoliberalismo, da man do progreso das ciencias e das técnicas, que remata en utopía negativa, como é o da EEB e doutros dramas.