RAÚL VEIGA
24 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Un fantasma percorre o Ministerio de Defensa e eles non o saben. É, agárrense, o fantasma de Karl Marx. Non, eu non teño contactos alí dentro. Descubrino ó le-lo comunicado do Ministerio que xustificaba a permanencia dos símbolos franquistas en Melilla. Como dicía Marx (e o seu fantasma inspirou ó autor do comunicado), a tradición das xeracións mortas pesa coma unha montaña na mente dos vivos. Por iso din eles que cómpre manter tódalas lápidas e, xa postos, tódolos cabalos, tódalas rúas de nome infamante. A min ensináronme na escola que a conmemoración estaba reservada ós fastos nosos, feitos e figuras que foron forxando unha tradición democrática e progresista. Claro, foi antes da reforma das Humanidades e da aparición de Karl Marx en Defensa para consuma-la súa vinganza. O autor de O capital encontrou unha réplica exemplar: que teñamos que convivir a reo coa memoria da barbarie contada desde o punto de vista dos bárbaros. Por fin comprendo a resistencia de tantos políticos a devolve-los nomes galegos tradicionais ás nosas rúas e mesmo me atrevo a propoñer que se vaia máis alá: deben ser borradas do espacio público as referencias ós ofendidos da nosa historia para substituílas por unha galería de torturadores, corruptos e asasinos. Imaxinen: poñer un monumento ós campos de concentración nazis en cada rúa das cidades alemanas. Fantástica pedagoxía. Mais o retorno do fantasma non para en Defensa. Acabamos de saber que Marx está tamén na biblioteca de Aznar. O fantasma ameaza a Moncloa. Prepárense para o que nos espera.