AZNAR E OS LIBROS

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

20 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Filosoficamente, non estou no territorio moral e ideolóxico do actual presidente do Goberno español, José María Aznar, pero o que unha persoa do seu poder poida dicir dos libros é algo que me interesa fondamente. Esa é a razón pola que vin e oín con rigorosa atención a entrevista que lle fixo o escritor Fernando Sánchez Dragó no seu programa dominical Negro sobre blanco, nesta ocasión titulado Un lector en La Moncloa. En efecto, fun soletreando as palabras do señor Aznar nas mans do cal, por ser presidente do Goberno, está, en medida non desdeñable, o porvir dos libros. Cernudiano Creo que Aznar foi á entrevista coa lección moi ben aprendida, e sería un mal político se así non o fixese. Pactada ou non en certos temas, emitiu opinións que se saen da esfera dos lugares comúns esperables, como a súa alta estimación pola poesía de Luís Cernuda, hoxe por hoxe un lugar común só nunha minoría de letraferidos. Non sei se esta valoración é a do lector chamado José María Aznar ou a do político atento ás modas eruditas. Gustaríame que fose o primeiro, tan cernudiano son. Ridruejo e as caras novas Aínda que estou moi lonxe das concepcións políticas do señor Aznar, confeso que concordo con el na valoración que fixo dalgúns escritores, un deles Dionisio Ridruejo, a quen eu admiro máis como prosista que como poeta. Quizais nunha entrevista máis longa, Aznar terminaría decantándose pola prosa, cuestión, por outra parte, moi opinable. Sobre Ridruejo, como político, Sánchez Dragó fíxolle unha pregunta moi interesante (se sería útil á Democracia española de non morrer Ridruejo en 1976), pregunta que suscitou unha resposta tallante: que o que España necesitaba eran caras novas. Un hóspede que tiña na casa retrucou de contado: «Seica é unha crítica sibilina a Manuel Fraga Iribarne». Contra «O Capital» Pero volvamos ós libros, o tema que, esencialmente, nos convoca hoxe. Falouse da Biblia, ben, e do Capital, de Marx, moi mal, diatriba que conviría dilucidar. Respecto dos «horrores do marxismo» case chegou a dicir que habería que esixir responsabilidades ós lectores e seguidores de certos libros (O Capital, entre eles), asunto no que Sánchez Dragó, famoso comunista nos anos sesenta, debeu esixirlle algunha matización a Aznar, que ten a Biblia como libro de cabeceira. Eu, que rexeito o estalinismo e outras prácticas de poder semellantes, sei moi ben que o que fracasou, na historia da Igrexa católica, foi a Inquisición (que non é sinónimo de Cristianismo). Que a Inquisición non sexa un Humanismo non proba que non o sexa o Cristianismo (a Teoloxía da liberación, por exemplo, nos nosos días); por conseguinte, que a política soviética, en certos aspectos, fose a barbarie, non proba que o marxismo -e as súas biblias- non sexan un humanismo, o máis alto que oíron os séculos.