Á MARXE CARLOS CASARES
18 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.De cando en vez, dedico uns días a ordenar os libros que hai na casa, que son varios miles, pois como ocorre con todo, desde o tráfico ata a auga que cae do ceo, tamén os libros tenden ó desorde absoluto, é dicir, ó equivalente dos choques que provocan os autos e as inundacións que causan as chuvias. De maneira que chega un momento en que, se non se toman medidas, aparece un tratado de cociña ó lado dunha obra sobre a historia do cabalo. O outro día, por exemplo, descubrín que estaban no mesmo andel, un ó lado do outro, don Claudio Sánchez Albornoz e don Américo Castro, que se levaban tan mal en vida que parece perigoso deixalos xuntos despois de mortos, sobre todo a don Claudio, que tiña un xenio máis vivo que don Américo, aínda que este tampouco era manco. Nunca pensara eu nos emparellamentos contra natura que se poden organizar nunha biblioteca, pois en todas as épocas, os escritores sempre se quixeron de dous en dous para odiarse de mil en mil, o cal non lles impediu nunca, ó mesmo tempo, amar fervorosamente á humanidade. Un amor que ten dado lugar a millóns de páxinas escritas co sangue vermello extraído do propio corazón. Con tinta desa mesma color, teño eu varios libros dedicados polos seus autores. Foi nunha das cousas na que me fixei estes días. Unha boa parte dos exemplares con dedicatoria proceden de congresos, cando os colegas do país organizador obsequian ós invitados coas súas obras. Teño compañeiros que as abandonan nos hoteis o último día, incluso sen tomar a precaución de arrincarlle a páxina delatora, o cal ten dado orixe a situacións pouco agradables. Outros véndenas en librerías de lance ó volver á casa. Moitos, naturalmente, tamén as gardan. Das que eu vin durante esta última operación contra o caos, varias me chamaron a atención. Unha delas pareceume un chantaxe. Di así: «Si no me lees, tírame a la basura. ¡Allá tú con tu conciencia!». Pois non penso tiralo.