FEDERALISMO

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS

18 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Este ano vaise cumprir un século da morte de Pi i Margall. E o próximo día 14 de abril haberán pasado 70 anos da proclamación da II República, que tiña de ser federal e que se quedou en federable pola miopía de moitos republicanos progresistas que teméndolle á realidade non souperon defender a esencia das súas ideas. Por suposto que eu non tiven en ningún intre vocación para ser político profesional. (Cando no 77 me obrigaron -sic- a ir nunha candidatura progresista para o Senado, por Lugo, con Ramón Piñeiro e Jacinto Calvo, no único acto que se celebrou, eu, ignorante, pedín que non me votasen pois estaba alí só para apoiar a Piñeiro e a Calvo; e desto foi testigo Dositeo Rodríguez, que máis dunha vez o recorda). Como ser humano teño a obriga de colaborar nos coñecementos que conforman a política, e dito esto penso que hai que agradecer que existan seres humáns que lles goste exercer profesionalmente de político, aínda que se equivoquen. Compre vixiar que o fagan por vocación e non por aproveitarse para millorar o seu negocio ou o dos familiares e amigos. Retomando o título desta nota, Castelao remata esa biblia do galeguismo que é o Sempre en Galiza con estes principios que resumen o seu pensamento: «a) -Autonomía integral de Galiza para se federar cos demais povos da Hespaña, b) -«República Federal Hespañola para se confederar con Portugal. c) -Confederación Ibérica para se ingresar na Unión Europea. d) -Estados Unidos de Europa para constituir a Unión Mundial». Vendo a modernidade e a futuridade con tradición do pensamento dun Castelao que escribía esto hai agora uns 60 anos, nembargantes que algo do que dixo se fixo, nos fai ver que todo o que temos hoxe parécese máis a unha concepción anacrónica das ideas políticas que seguen imperando. No Sempre en Galiza Castelao cita máis de trinta veces a Pi i Margall, quen lle serve de referencia da concepción do republicanismo federal, aínda que Castelao, que recoñece a integridade do político catalán, sostén unha idea máis radical que o seu federalismo rexionalista, e engade «... a posición doutrinal do noso inesquencible Quintanilla -tan bó galego como bó marxista- proba que as aspiracións máisimas de Galiza caben folgadamente dentro da ortodoxia socialista e da discriprina do gran partido obreiro que fundou Pablo Iglesias». E recorda que cando Pi i Margall visitou Galiza no 1892 díxolle a Brañas que o seu rexionalismo avantaxaba ao do federalismo español. Os que exercen a política como profesión, ademais de honestos, deberían ter un gran coñecemento da historia e dos postulados económicos que han de servir ao pobo que administran para se defender da ignorancia e dos egoísmos dos mercaderes. Xa se sabe que os políticos teñen que transixir coa realidade que os rodea, e como dicía aquel bo amigo, que fixo cousas contrarias ás que quería, non temos máis bois que os bois que temos, e temos que arar con eles porque non temos outros bois.