RAÚL VEIGA
17 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.O uso da palabra en público por parte dos VIP (en galego, Persoas Moi Importantes) ofrece un rico material ós profesores de lingua. Mais o que en verdade divirte e ilustra é o contido, o ton e o acento. Escollerei só tres perlas frescas, oídas por min nos seus termos exactos. Deixo voluntariamente á parte o xenial «os mouros para África» que foi durante días unha obra sen autor. Comecemos por un alcalde perpetuo. Pasmado ante as excelencias da súa xestión, declarou, e remachou cunha broma de familia: «Dígolles ós meus fillos que me gustaría ser fillo meu». Moral: o poder, por pequeno que sexa, fai crer a quen o exerce na súa excelsitude. Chamarémoslle a este personaxe O Unixénito. Continuemos cun intelectual de moda. Durante a presentación do seu último libro, este profesor afirmou que bastantes profesores da Universidade do País Vasco se alegran dos asasinatos de ETA contra os membros do claustro porque así poden medrar na pirámide. Tal cal. Se algunha cota de razón tiña, perdeuna. Merece que lle chamemos O Exaltado. Acabemos no mundo da universidade. Un rector pasou meses relacionando o presentar ou non a candidatura a autosucederse coa maduración de plantas e flores: a súa vontade manifestaríase cando florecesen as cerdeiras. Entre tanto, deu pública noticia dos magnolios e rododendros que ía contemplando, coma unha especie de mestre de Kung Fu. Que a Xunta lle sufrague unha viaxe a un mosteiro tibetano para ampliar estudios. Dá a sensación de que tódalas follas deste tríptico dispoñen dun alto capital de amor propio. E nós, inocentes, seguimos sen querernos nada. Aprendamos.