QUIROGA

La Voz

OPINIÓN

OUTEIRO DE SAN XUSTO / Manuel Espiña

05 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Creo que foi o bispo emérito de Vigo, monseñor Cerviño, quen primeiro lanzou a idea de inicia-lo proceso de beatificación de don Fernando Quiroga Palacios. Foi na súa conferencia nos actos do centenario do seu nacemento, celebrados en Santiago. E parece que todos aceptaron a proposta con toda naturalidade e con ilusionada ledicia. Os que tivémo-la sorte de o tratar asidua e intimamente nos seus últimos anos, decatámonos con toda claridade do seu constante crecemento en santidade. Case podemos afirmar que, debido ó concilio Vaticano II, chegou a unha auténtica conversión en moitos aspectos. A partir desa data cumpriu o seu lema episcopal de facer todo con caridade nun grao tan elevado, que poderiamos calificar de heroico. Eu podía demostra-la verdade desa súa inmensa bondade con bastantes exemplos. Así, ninguén pode negar que, cando un sacerdote lle falaba de secularizarse, don Fernando, coma o pai do fillo pródigo, case se poñía de xeonllos e suplicáballe que o pensase ben e ata se ofrecía a pagarlle un ano sabático. Da grande humanidade e da entrega total do cardeal é unha proba o feito de que tódolos días recibía en audiencia a todos cantos se presentasen, sen necesidade de petición anticipada. Da súa humildade e magnanimidade eu teño boas probas persoais. Así, no Nadal de 1962, veume visitar ó meu despacho de director espiritual no seminario de Belvís para presentarme desculpas polo feito de que me mandara o nomeamento o mesmo día que saíra para Roma, sen posibilidade de diálogo. Por tanto, eu desexo que canto antes se abra o proceso de beatificación.