ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
04 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Algúns amigos dinme que nos últimos dez anos se fixo máis en Galiza que nos noventa anos anteriores. Esto é certo en moitos aspectos porque entre os 90 anos anteriores hai que contar os 30 anos de franquismo que foi o tempo máis mouro da nosa terra, e aos seus protagonistas sería a quen habería que lles pedir contas. Craro está que esta simple consideración é moi relativa, pois por riba dos rexímenes, dos gobernos, está a realidade do que acontece no mundo, dentro e fóra das fronteiras que se comportan coma unha ósmose que deixa pasar moitas cousas, materiaes e inmateriaes, con independencia dos mecanismos restrictivos que lles poñen os que mandan. Pensar que en pleno franquismo pasou o streap-tease, no no pode entender quen coñoceu os primeiros anos dese réxime. Claro que neste caso o negocio era o negocio e o do turismo ía a contribuir a prolongar a vida daquel sistema, que o único ideal que tiña era o non deixar o mando. Contan que polos anos 66/67, unha rapaza que se ganaba a vida desvestíndose nun local de atracción turística de Málaga, cando se sacou a última prenda, alguén enardecido de patriotismo gritou ¡Viva Franco! E o mesmo que o streap-tease entrou a sociedade de consumo «como Perico pola súa casa» e con ela a televisión, a música anglo-americana, a informática, o amor polo automobilismo, e as drogas; e penetrou o neo-liberalismo capitalista que padecemos (sustituindo á autarquía xermanófila, que os ianquis acabaron con ela no ano 53), o neo-liberalismo, digo, que reverdeceu con forza nestes dez anos que meus amigos poñen como exemplo de desenvolvemento. Certo que neso de atravesar filtros osmóticos das fronteiras para as cousas malas, e tamén para as boas, non hai muralla que as deteña. Os chinos saben moito desto e nos dirían que de pouco lles serviu a Gran Muralla para evitar a penetración das ideas extranxeiras. A os meus amigos tería que lles dicir que non só na nosa terra se fixeron estradas, hospitais, centros de expansión cultural, estacionamentos subterráneos, etc., senón que en tódalas comunidades autónomas do Estado disfroitaron do mesmo progreso, na maior parte delas aínda millor que o noso, e con menor dependencia económica que a que padecemos nós, que ten hipotecado o noso futuro, (mal do que falaremos outro día). Para conquerir este progreso no Estado abondou esa débil descentralización económica e ese aínda máis débil recoñocemento do feito diferencial dos pobos ibéricos. Hoxe convén rexistrar só como pasou as fronteiras o mal das vacas tolas por ter penetrado a tódolos niveis sociais o fomento da práctica salvaxe do comercio neo-liberal. Este mal xa o temos acó como unha resposta, que aínda non ten unha explicación mecánica. Mais pode ser un aviso para nos por en garda duns males maiores que se alviscan no horizonte, e que poden facer bos a eses noventa anos anteriores que desprecian os meus amigos.