JOSÉ MANUEL VÁZQUEZ RIVEIRA
01 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.A recente sentencia da Audiencia Nacional é transcendental, non só dá a razón ás reivindicacións sindicais sostidas nestes anos, senón que constitúe un soporte definitivo para o desenvolvemento dunha negociación sindical plena e efectiva nas Administracións Públicas e repón os dereitos individuais de incrementos salariais do ano 1997 e seguintes. O Goberno debería recoñece-lo grave erro político cometido, abandoando o seu contumaz papel de axitación e confrontación de poderes, colectivos sociais, e de todo aquelo que discrepe das súas imposicións. A sentencia indícalle que debe respecta-lo principio de legalidade e a división de poderes, a existencia dunha lei vixente (Lei 7/90 de negociación nas Administracións Públicas) e acordos que non poden ser contravidos por disposicións ou actos administrativos dos gobernos. Respáldase, confírmase e apoiase o Estado de Dereito ó restituir dereitos colectivos e individuais de tódolos empregados (funcionarios, laborais e estatutarios) que sofriron unha ilegal conxelación salarial na Administración central, na Xunta, nos concellos e deputacións, en todo o emprego público. O Goberno ten o pago da súa osadía infinita, e non poden ser máis desacertadas as obxeccións que expón ante as indicacións da instancia xudicial. Novamente axitan a fantasma da creba do Estado, nun intento de eludi-las consecuencias dos seus desatinos. Ó tempo que a xenerosidade de certas medidas económicas (telefonía móbil, axudas ás eléctricas, créditos extraordinarios a empresas colaboradoras....) deslexitima totalmente as súas argumentacións e xera unha profunda sensación de agravio nos empregados públicos, os cales teñen unha misión constitucional que cumprir e pola que deben ser xustamente retribuídos. A FSP-UGT ratifica a súa vontade de acadar unha xusta e razoable execución da sentencia e apela á responsabilidade do Goberno para que mude a súa actitude e inicie unha negociación real e efectiva. De non ser así, o conflicto está servido e as mobilizacións continuarán ata restituí-lo dereito á negociación colectiva.