PECADOS CONFESABLES

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

20 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Vou confesar un pecado. Desde hai uns días estou lendo un libro electrónico, non a través do ordenador, cousa que me costaría facer, senón por medio dese aparatiño que me botaron os Reis e do que xa falei aquí hai un par de semanas. Tal como expliquei, ten o formato dunha axenda e colle perfectamente no peto da chaqueta. Como aínda non o controlo ben e ando fuchicando nel nas horas libres e descobrindo cousas novas todos os días, unha noite de aí atrás batín cun programa que dicía que servía para ler libros electrónicos e que estes se podían atopar en Internet. Picado pola curiosidade, fixen unha exploración e quedei asombrado ó atopar máis de duascentas mil direccións que ofrecen xa, incluso gratis, os chamados ebooks, palabra que non tardaremos en ver ata na sopa. O caso é que baixei un deses libros, metinno no aparatiño, e púxenme a lelo. Pido perdón por tres cousas. Primeiro porque me gustou. Segundo porque me parece cómodo. E terceiro por dicir que esto non hai que o pare. O tal libro permite facer anotacións á marxe, pasar as páxinas con comodidade e rapidez, buscar palabras, elaborar un diccionario da lectura e mil cousas máis, incluso ler na cama. De xeito que eso do libro electrónico xa non é un futuro máis ou menos incerto, senón unha realidade viva. Excuso dicir que de todos eses miles de títulos que atopei na rede, a inmensa maioría están en librerías americanas, onde o producto empeza a ter un carácter masivo. Por aquí, de momento, nada, á parte de queixarnos e seguir empeñados en discutir aínda se o tren vai pasar, cando resulta evidente que está en marcha e vai acelerando. Debo dicir, por suposto, que non creo na desaparición do libro tradicional, pero que o pobre terá que convivir con este irmán moderno, seguramente en circunstancias difíciles, como lle pasou ó cine coa televisión. Por certo, o libro que estou lendo é o Julius Caesar, de Shakespeare. Na pantalliña queda bárbaro.