MANUEL ESPIÑA OUTEIRO DE SAN XUSTO
17 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Na entrega do premio Solidariedade Médico Paulino a Xesús Silva e a Benposta contamos coa televisión de Corea do Sur, un país máis no que é admirado este crego galego, que, como auténtico profeta, no seu pobo é desprezado e ata perseguido. Hoxe quero falar dos libros A partir de hoxe, de Manolo Regal, e Con cordas de tenrura, de Victorino Pérez Prieto, que foron presentados pola relixiosa Pilar Wirtz e o xesuíta Modesto Vázquez-Gundín, no centro Fonseca de A Coruña. Estes dous teólogos e fecundos escritores van xa camiño dunha ducia de libros e son indiscutibles militantes da que podemos chamar (aínda que non lle guste a monseñor Rouco) Igrexa popular de Galicia. E o mesmo acontece con case tódolos escritores de temas relixiosos, teolóxicos e pastorais, o mesmo que as revistas de máis difusión, como Encrucillada e Irimia. Pola contra, da Iglesia oficial a penas temos máis que as cartas pastorais dos bispos e os libros litúrxicos en galego. A editorial Sept, que publica estes libros e que ata publicou a primeira Biblia galega, é obra de leigos cristiáns de Galicia, que con total xenerosidade e responsabilidade percuran encher estes baleiros da Igrexa oficial e loitan por consegui-la plena enculturación da nosa fe. Pero, a cousa aínda é máis grave. Esta Igrexa non só non produce senón que tampouco consume, polo menos estes froitos, xa que é a mesma Igrexa popular a que merca e estudia estes libros. Realidade ben lamentable... A ver se agora que o Papa nos manda voltar ós documentos do concilio Vaticano II, nos achegamos un poco máis entre todos, con Deus e co noso pobo.