CONVERTIDO EN PLACA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

13 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O venres estiven en Xinzo, onde os meus paisanos tiveron a ocorrencia de convertirme en placa, a min que non teño vocación nin de tarxeta de visita. E sen embargo, poucas veces na miña vida pasei uns momentos máis agradables. Sentirse querido é unha das cousas máis fermosas que lle poden pasar a un. Alí estaban os meus amigos e os amigos dos meus pais, pero tamén moitísima xente menos coñecida, todos tan contentos como o podía estar eu. Nunca dubidei de que ía ser como foi, pois coñezo ben ós meus veciños. Estou seguro de que a inmensa maioría deles non me vían como un rapaz que se dedica a escribir e que sae nos periódicos e na televisión, senón como o fillo dun home que foi pura bondade e que educou a varias xeneracións de rapaces, incluído eu mesmo. Creo que o agarimo que se respiraba alí foi o froito do labor realizado durante perto de cuarenta anos polo meu pai: aprenderlle ós seus alumnos a seren boas persoas, a querer ben ós demais, pero non polo procedemento de predicar a bondade, senón a través de presentarse diante deles como era: un ser humano xeneroso, tranquilo e cunha paciencia infinita, dotado tamén de humor. Foi un dos seus alumnos, e amigo meu, Alfonso Villarino, o que se encargou de falar no nome dos presentes. Fíxonos rir contando algunhas historias de min, que eu non coñecía, de cando el e o meu irmán entraban clandestinamente no meu cuarto, aproveitando as miñas ausencias, para enredar nos meus papeis e ver qué cousas andaba a escribir. Ó responderlle viñeronme á cabeza algúns episodios relacionados coa súa vida, cando el vivía en Berlín e fumos pasar uns días á súa casa, pero non me atrevín a contalos. Demasiado picantes, incluso para un home que é puro pimentón. Eso de estar nunha placa imprime carácter e impón certa seriedade. Cando cheguei á casa pola noite, ó mirarme no espello, vinme un pouco solemne. Menos mal que o gato Samuel me pediu de comer.